Inicio Galicia La Quintana Teatro estrea este xoves o espectáculo ?O premio? en coprodución...

La Quintana Teatro estrea este xoves o espectáculo ?O premio? en coprodución co Centro Dramático Galego

0

Marián Bañobre dirixe este comedia aceda, escrita por Santiago Cortegoso, que poderá verse ata o domingo no Salón Teatro, onde a compañía está a desenvolver unha estadía previa dentro do programa de residencias artísticas da Xunta


A sede do Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago ábrelle esta semana as súas portas a unha nova residencia artística, previa á estrea este xoves 12 do espectáculo O premio por La Quintana Teatro, en coprodución coa compañía da Xunta de Galicia. A formación coruñesa regresa así ao Salón Teatro, onde o pasado mes de outubro presentou a versión en galego de Desde lo invisible, o seu aplaudido espectáculo de debut.

O CDG préstalle agora apoio económico e técnico para a súa nova montaxe, ademais de cederlle as súas instalacións para os últimos ensaios antes das catro primeiras funcións públicas, que terán lugar nos horarios habituais do espazo compostelán: xoves, venres e sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.

Marián Bañobre dirixe O premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que levan a escena Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, quen é candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción do Centro Dramático Galego.

Ideada como creación colectiva, O premio é unha comedia aceda ambientada nun futuro próximo, no que o progreso tecnolóxico e a presión por lograr o éxito laboral, sentimental e social levan os cidadáns a un estado de desánimo e frustración, agravado por unha gran crise económica por mor do envellecemento da cidadanía. Para enfrontar esta situación, os dirixentes poñen en marcha unha insólita e popular medida: crear un reallity en directo, onde é o público quen decide que concursante merece levar o premio da súa vida: “Morrer logrando a fama. Todo por un soño”.

Interacción directa co públicoA interacción cos espectadores é clave no desenvolvemento deste programa e, xa que logo, do espectáculo, no que o traballo actoral e de investigación arredor das novas formas teatrais se apoia nos vídeos a través dos que se comparte a vida dos protagonistas.

O premio é o quinto espectáculo de La Quintana Teatro, para o que ademais de co apoio do CDG, conta con Escenate e Zeena Producciones na produción e co Ayuntamiento de Madrid como outra das entidades coprodutoras. No equipo artístico e técnico, atópanse así mesmo Marisa de Laiglesia (escenografía e vestiario), Javier Quintana (deseño de iluminación), Anxo Outumuro (técnico de luces), Lucía Estévez (vídeo), José Luis Fraga (creación sonora) e María Moral (distribución).

A compañía coruñesa, que comezou a súa traxectoria hai 12 anos co gran éxito de público e crítica de Desde lo invisible, Premio MAX 2008 ao mellor espectáculo revelación, continuou avanzando no seu traballo de creación colectiva e investigación en títulos como Innómines, Realidade e O bolso ou a vida. En 2018 reestreou no Teatro Valle Inclán do Centro Dramático Nacional Desde lo invisible, co que fixo unha estadía en El Pavón Teatro Kamikaze de Madrid, ademais de visitar o Salón Teatro, entre outros espazos dentro e fóra de España.

As entradas para as funcións de estrea de O premio en Santiago xa están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443, cos prezos e descontos habituais. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto ao público os días de representación desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre