Inicio Galicia José Ramón Lete Lasa: "Nos 25 anos que van do Galicia 93...

José Ramón Lete Lasa: "Nos 25 anos que van do Galicia 93 de Javier de la Gándara ao Mapfre do RCN de Sanxenxo transcorren os fitos máis importantes da historia dourada da vela galega"

0

Destaca as catro medallas olímpicas de vela coas que conta Galicia, os dez deportistas galegos que competiron en Xogos Olímpicos, as 2.000 licenzas federativas e os 63 clubs, os 29 deportistas galegos de alto nivel e os 44 deportistas de alto nivel ou os 22 podios internacionais en Campionatos de Europa e do Mundo acadados por regatistas galegos entre 2017 e 2018

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu hoxe a Gala da Vela Galega que tivo lugar na sede Afundación da Coruña e na que destacou dous dos fitos máis importantes da historia deste deporte en Galicia como o terceiro posto do Galicia 93 Pescanova na Volta ao Mundo 93-94 e o subcampionato do Mapfre na Volvo Ocean Race 2018. “Entre o Galicia 93 de Javier de la Gándara e o Mapfre do Real Club Náutico de Sanxenxo, neses 25 anos, transcorren os fitos máis importantes da historia dourada da vela galega”, sentenciou.

O responsable do Deporte galego, identificou a xesta do Galicia 93 Pescanova, que deu a volta ao mundo en 122 días, 6 horas e 12 minutos e que contaba co patrocinio do Xacobeo, como unha fazaña sen precedentes que “foi recibida o 8 de xuño do 94 en Vigo por unha multitude de embarcacións e centos de seguidores baixo os acordes do himno galego”. No caso do subcampionato do Mapfre, valorou “o mellor resultado dun veleiro español na historia” e a importancia da muller no deporte, claramente demostrado por Támara Echegoyen, “primeira española en completar a Volvo Ocean Race”.

Como fitos máis destacables destes últimos 25 anos, o mandatario galego destacou as catro medallas olímpicas de vela coas que conta Galicia (Fernando Echavarri e Antón Paz en Pekín 2008 e Támara Echegoyen e Sofía Toro en Londres 2012); os dez deportistas galegos que competiron en Xogos Olímpicos, sendo a vela a cuarta disciplina con maior participación galega; as 2.000 licenzas federativas e os 63 clubs que sitúan a Galicia como a cuarta e a terceira comunidade, respectivamente; os 29 deportistas galegos de alto nivel e os 44 deportistas de alto nivel, sendo Galicia a primeira comunidade de España nesta clasificación; os 22 podios internacionais en Campionatos de Europa e do Mundo acadados por regatistas galegos entre 2017 e 2018 ou os preto de 40 premios entregados hoxe na Gala celebrada hoxe.

O secretario xeral mirou ao futuro con optimismo ao destacar que Galicia conta cunha “irrepetible xeración de mozos e mozas que a súa temperá idade xa son recoñecidos como os mellores en todo o mundo”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre