Os técnicos determinaron que a zona onde se detectou a súa presenza está arredor das 1.500 hectáreas
O conselleiro do Medio Rural, José González, respondeu esta tarde no Parlamento a unha pregunta sobre a afectación do roedor, denominado ratatoupa, nos cultivos da montaña lucense. Alí sinalou que, tras a identificación deste animal, levaranse a cabo medidas que sexan compatibles coa actividade gandeira e co medio ambiente, insistindo en que é preciso contar cunha prudencia e unha cautela de gran calado á hora de tomar as decisións oportunas.
Así, José González sinalou que a presenza das ratatoupas non é novidosa, pois xa houbo un caso no ano 2010. Naquel entón, dixo, foi atallado cun principio activo que na actualidade non está autorizado. Por iso, insistiu o titular de Medio Rural, a actuación da Administración galega debe estar marcada pola prudencia.
Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que os técnicos do seu departamento, nada máis coñecer esta cuestión, achegáronse ás zonas onde se ten constancia da presenza deste animal e determinaron que a área demarcada podería estar arredor dunhas 1.500 hectáreas. Ao tratarse dunha variante herbívora de roedor, matizou José González, a afectación da ratatoupa concéntranse fundamentalmente nas raíces e bulbos dos pastos.
Neste sentido, José González destacou que a afectación ocasionada nas parcelas localizadas nas zonas demarcadas -nos concellos de Triacastela, Samos, Pedrafita e outros próximos á montaña lucense- son unha prioridade para o seu departamento, ao igual que o conxunto do sector agrogandeiro. Por iso, indicou o conselleiro, as medidas que se cheguen a formalizar para facer fronte a esta cuestión serán medidas cuxa reflexión previa aporte tranquilidade, é dicir, que “sexan efectivas pero tamén respectuosas”.