Inicio Galicia José González salienta o peso do Ribeiro dentro do viño galego pola...

José González salienta o peso do Ribeiro dentro do viño galego pola súa historia e dinamismo económico

0

Destaca que o 40% das solicitudes de axudas para transformación de viño na provincia corresponden a esta denominación de orixe

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor á denominación de orixe (DO) Ribeiro como a máis antiga de Galicia e a primeira da provincia ourensá polo seu dinamismo económico, sendo só superada entre as cinco galegas por Rías Baixas.

Así, salientou que esta DO foi recoñecida como tal xa no 1932 e que as súas cifras de viticultores (máis de 5.700), adegas (114), superficie certificada (2.200 hectáreas) e volume de viño comercializado (máis de 87.000 hectolitros en 2017) sitúana nese lugar preferente.

O conselleiro fixo esta valoración durante a súa visita á zona, dentro do percorrido que vén realizando polas diferentes denominacións de orixe. Neste caso presidiu, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, o pleno extraordinario do seu consello regulador e visitou as instalacións da cooperativa vitivinícola do Ribeiro e da adega Valdavia, nun percorrido no que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

José González destacou ademais que o peso desta DO ponse tamén de manifesto se atendemos aos datos sobre axudas para transformación do viño. Así, as solicitudes presentadas na convocatoria deste ano no Ribeiro supoñen preto do 40% de todas as que se rexistran na provincia de Ourense e representan máis do 15% das do conxunto de Galicia. Así, desde esta denominación presentáronse 13 peticións, mentres que na provincia de Ourense foron 34 e no conxunto de Galicia 84 en total.

O titular de Medio Rural lembrou, así mesmo, que durante a última vendima no Ribeiro recolléronse 8,9 millóns de quilos de uva, o que representa o 14% do total colleitado nas nosas cinco denominacións de orixe.

En relación co eido do viño, o conselleiro reiterou o compromiso de apoio da Xunta, que se pon de manifesto coa achega de máis de sete millóns de euros en axudas para o sector, contabilizando as destinadas a reestruturación e reconversión de viñedo, as habilitadas para elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e as subvencións para promoción do viño en terceiros países.

Plan estratéxicoPor último, José González explicou que a Xunta está elaborando un Plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia, co dobre obxectivo de mellorar o posicionamento dos nosos produtos e das comarcas que representan, entre elas a do Ribeiro. E situou, como grandes retos de futuro para o sector, o fomento da profesionalidade, a xeración de sinerxías con outros eidos, caso do turismo e a gastronomía, e a procura dun modelo de negocio baseado na diferenciación, a calidade e a singularidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre