Inicio Galicia José González: ?os incendiarios responderán polos seus delitos co cárcere e co...

José González: ?os incendiarios responderán polos seus delitos co cárcere e co seu patrimonio, pagarán co que teñan os gastos de extinción?

0
image_gallery.jpg

Dixo que un de cada tres lumes rexistrados en Ourense entre o 12 e o 17 de setembro iniciouse en horas nas que os medios aéreos non poden actuar


“Os incendiarios responderán polos seus delitos con penas de cárcere e co seu patrimonio, pagarán co que teñan os gastos de extinción”. Así o advertiu o conselleiro do Medio Rural, José González, hoxe no Parlamento, en resposta a unha pregunta sobre os lumes das últimas dúas semanas. González engadiu que estes delincuentes pagarán polas súas accións “porque ademais de danar os nosos montes poñen en risco vidas de persoas, e iso -remarcou- é intolerable”. Reiterou a súa advertencia: “a súa actividade non quedará impune mentres se atope aos responsables, e atoparémolos, de forma que estes delincuentes serán condenados”.

Nesta liña, o conselleiro apelou unha vez máis “á responsabilidade de todos” e destacou a “importancia da concienciación” na loita contra a actividade incendiaria, ao tempo que recoñeceu “a magnífica cooperación que se deu entre as administracións implicadas na loita contra os lumes”. Así, sinalou que “frear esta ameaza tamén depende do conxunto da cidadanía”, polo que lembrou que a Xunta puxo a disposición un número de teléfono para a denuncia destes feitos, o 900 815 085.

Do mesmo xeito, o conselleiro apostou tamén por avanzar no establecemento de acordos entre as forzas políticas para “deixar de focalizar unha dificultade destas dimensións como un mero debate partidista”. Por iso animou a sumar esforzos e a colaborar “mediante pactos, acordos e apoios directos á adopción de mecanismos que permitan preparar o territorio galego, adiantarnos aos lumes e facer a nosa comunidade máis resistente fronte eles”.

En relación coa actividade incendiaria intencionada, o titular de Medio Rural apuntou que “entre as 0:00 h. do sábado 12 de setembro e as 9:00 h. do xoves 17 iniciáronse na provincia de Ourense 67 lumes forestais que queimaron unha superficie total de 8.740,99 hectáreas”. Deles, 22 lumes comezaran de noite, cando os medios aéreos non poden traballar. Tamén recalcou que os incendios se rexistraron en condicións climáticas favorables ás lapas (calor, vento cambiante, previsión de choiva a curto prazo) e que nalgúns casos houbo varios focos simultáneos, incluso na mesma parroquia e varias destas declaradas de alta actividade incendiaria. Por iso, José González volveu agradecer e poñer en valor o traballo de todos os profesionais que “nas condicións máis extremas velan pola nosa seguridade e a do noso territorio fronte ás lapas”.

Despregue extraordinarioAsí, mencionou o despregue extraordinario, por parte da Xunta, dunhas 2.000 persoas e un total de 38 medios aéreos só na provincia de Ourense durante a fin de semana do 12 e 13 de setembro, “sen desatender o resto do territorio galego”. Neste sentido, destacou tamén a cooperación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na loita contra a actividade incendiaria. De feito, recordou, só no que vai de mes logrouse deter a catro presuntos incendiarios, tres deles in situ, que suman arredor de 50 persoas detidas ou investigadas como supostas autoras de incendios forestais neste 2020 por parte da Policía autonómica en colaboración con axentes ambientais.

José González salientou, así mesmo, que todas as medidas que impulsa o seu departamento na loita contra os incendios teñen como punto de partida o Ditame da comisión parlamentaria dos incendios, así como as conclusións acadadas polo Grupo de Expertos creado tras aquela vaga de lumes para mellorar, no posible, o Servizo de prevención e extinción de lumes da Xunta. Nesa liña, dixo, incorporáronse ao Servizo 500 profesionais que ata 2017 traballaban na entidade pública Seaga, incrementando tamén o tempo mínimo de traballo de case 1.000 membros do Servizo que no 2017 traballaban tres meses e pasaron a facelo seis este ano. Neste sentido, o conselleiro reiterou que “duplicamos o seu tempo de contratación cun gasto público de 12 millóns de euros anuais”.

Así mesmo, o conselleiro avanzou que os profesionais do dispositivo de extinción “están convocados a grupos de traballo xunto coa Universidade para configurar a nova Lei de prevención e extinción de incendios, que recolla solucións estruturais baseadas na resiliencia do territorio, na planificación preventiva e na anticipación na resposta”.

Neste contexto, José González referiuse tamén ao “convenio asinado entre Medio Rural, a Fegamp e Seaga para a protección das aldeas, que contempla a limpeza das franxas secundarias -os 50 metros arredor das aldeas- nas parroquias con maior risco de incendios”. Do mesmo xeito, lembrou o Plan de prevención desenvolvido no marco do Pladiga 2020, que estivo dotado con máis de 30 millóns de euros.

Ademais, o conselleiro trasladou que “no ámbito da planificación preventiva iniciamos un camiño necesario cara á revalorización da nosa terra, promovendo a súa recuperación e a promoción de actividade agrogandeira como devasa natural fronte aos incendios” mediante as aldeas modelo e os polígonos agroforestais. González enmarcou todo este traballo na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que permitirá potenciar este tipo de medidas, de forma que “acadarán o seu máximo desenvolvemento” coa súa aprobación, concluíu.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre