Inicio Galicia José González enxalza os beneficios que conleva a iniciativa das aldeas modelo...

José González enxalza os beneficios que conleva a iniciativa das aldeas modelo na defensa contra os incendios forestais

0

Destacou que esta declaración suporía un importante reforzo da protección das persoas e dos bens fronte o lume neste lugar ourensán


O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe con representantes de comunidades de montes do lugar de Nogueiró, no municipio ourensán de Cartelle, e co seu alcalde, Jaime Sousa, para explicarlles as vantaxes que suporía a declaración deste núcleo de poboación da parroquia de Mundil como aldea modelo para a prevención e defensa dos incendios forestais.

Alí, José González salientou que o fin último da creación dunha aldea modelo é defender as persoas e os bens da ameaza dos lumes, pero que non se trata unicamente diso, xa que tamén se pretende fomentar a posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas.

Polo tanto, engadiu o conselleiro, esta iniciativa nace co obxectivo de executar a limpeza das franxas secundarias –é dicir, aquelas que están máis próximas aos núcleos de poboación– e poñelas a producir. Unha vez despexadas esas franxas porase en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Todo isto funcionará como devasa natural fronte o lume xa que, desenvolvendo actividade económica nas franxas non será preciso rozar todos os anos, destacou José González.

O titular de Medio Rural lembrou que este é un proxecto promovido pola Xunta de Galicia no marco do convenio de protección das aldeas posto en marcha en colaboración coa empresa pública Seaga e coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Así, a limpeza das parcelas levarase a cabo sempre que haxa acordo entre os propietarios dos terreos e os agricultores e gandeiros interesados en poñer a producir as terras, polo que o conselleiro animou a todos os implicados a involucrarse neste proceso. Neste sentido, destacou que a iniciativa suporá un rendemento económico directo ou indirecto tanto para o donos dos predios –que conservará sempre a titularidade sobre os mesmos–, como para os interesados en poñelas a producir.

A Consellería do Medio Rural manexa, como previsión, a posibilidade de crear arredor de 40 aldeas modelo en todo o territorio galego, que funcionarían como unha demostración palpable e práctica de como é posible realizar unha adecuada xestión da biomasa para previr os lumes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre