Inicio Galicia José González destaca que o prestixio da gastronomía galega se basea na...

José González destaca que o prestixio da gastronomía galega se basea na calidade das materias primas e no esforzo do sector

0

Reafirmou o compromiso da Xunta por “potenciar, promocionar e situar a nosa excelente produción agrogandeira a nivel nacional e internacional”, partindo de que Galicia “debe competir en calidade e non en cantidade”

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que “a gastronomía é unha das fontes de prestixio máis relevantes para Galicia” e vinculou esa riqueza culinaria coa cultura da nosa comunidade, da que dixo que é inseparable. O titular de Medio Rural presidiu, acompañado polo equipo directivo do seu departamento e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, o acto de entrega de premios da XXII cata dos queixos e da XVIII cata dos meles de Galicia, que tivo lugar no Pazo A Toxeiriña, na localidade pontevedresa de Moraña.

José González insistiu na calidade da despensa agroalimentaria galega, que cualificou como “excelente” e que vinculou co esforzo, a tradición e o talento do sector produtor e co valor das nosas materias primas. Nesta mesma liña, trasladou os seus parabéns aos gañadores desta edición das catas, que fixo extensivo a todos os participantes, aos que agradeceu o seu labor.

Así mesmo, o conselleiro reafirmou a aposta do Goberno galego por “potenciar, promocionar e situar a nosa excelente produción agrogandeira a nivel nacional e internacional”, partindo de que Galicia “debe competir en calidade e non en cantidade”e que debe facelo, ademais, “baixo unha marca paraugas” como é a de Galicia Calidade.

Espello do ruralJosé González vinculou estas políticas ao proceso de conversión -actualmente en marcha, coa recente publicación do concurso de ideas no DOG- do Pazo de Quián e a súa contorna no “espello do rural galego”. Trátase, dixo, de transformar a finca de Sergude, onde están situadas as instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria, nun centro “de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia”.

Así mesmo, o titular de Medio Rural tamén fixo fincapé na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia que vai ter entrada no Parlamento galego en vindeiras datas. Esta norma, destacou o conselleiro, “outorgará diferentes ferramentas de mobilidade ás diferentes zonas do no noso rural para cada problemática individual”. Citou, neste sentido, os polígonos agroforestais, os instrumentos de xestión conxunta ou as aldeas modelo.

Do mesmo xeito, José González falou tamén da estratexia de dinamización do sector lácteo, que “persegue seguir afondando na transparencia e na mellora do funcionamento da cadea de valor do leite”. Nela, dixo, traballa a Xunta e o sector, para afrontar “catro grandes retos de futuro”, como son a reforma da PAC, a profesionalización, a rendibilidade das explotacións e a mobilización de terras (relacionado este último aspecto coa devandita Lei de recuperación de terras).

Todo isto, remarcou o conselleiro, persegue manter “vivo e rendible” un agro con futuro, que sexa capaz de crear emprego e fixar poboación, polo que se amosou convencido de que “no rural pódese vivir e pódese vivir ben”.

Participantes nas catasNesta edición das catas rexistráronse un total de 36 industrias queixeiras pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas —DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro— e 20 industrias do mel acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Os técnicos da Agacal, en colaboración cos consellos reguladores, recolleron un total de 93 mostras participantes, avalando en todo momento o anonimato das marcas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre