Inicio Galicia José González destaca que a mellora xenética do gando frisón redunda nunha...

José González destaca que a mellora xenética do gando frisón redunda nunha maior rendibilidade para as explotacións lácteas

0

Lembrou que a Consellería investirá tres millóns de euros ata o ano 2023 no control do rendemento leiteiro, o cal ten unha influencia clara e directa no porvir do sector lácteo galego

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá na apertura da poxa de xovencas, celebrada no marco da Semana Gandeira de Mazaricos. Alí destacou a importancia da mellora xenética do gando frisón co fin de obter unha boa calidade do leite, o que redunda directamente nunha maior solvencia económica e rendibilidade para as explotacións gandeiras.

Así, José González destacou que a Consellería investirá tres millóns de euros ata o ano 2023 na mellora da calidade xenética desta raza bovina a través do control do rendemento leiteiro, dentro do Programa galego de selección e mellora da raza Frisona que leva a cabo a Consellería xunto co Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol).

Neste senso, o conselleiro subliñou que o control leiteiro oficial ten unha influencia clara e directa no porvir do sector lácteo galego, como base da mellora xenética nos esquemas de selección e dende o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica. Por iso, para este novo período, a Consellería elevou en case un 13% máis o orzamento destinado para esta cuestión.

Cabe lembrar que estes investimentos, destinados a financiar as actuacións do control leiteiro nas explotacións, complementan aos restantes que mantén a Consellería en apoio do control leiteiro e a mellora xenética. Así, cómpre destacar a financiación do custo das análises de preto de 1,5 millóns de mostras de control leiteiro anuais, a través do convenio co Laboratorio Interprofesional de Análises do Leite (LIGAL) para o período 2017-2020, por un importe de 1,8 millóns de euros; e o convenio con Xenética Fontao, para o desenvolvemento do Plan de Mellora Xenética, a través do cal se subministra seme dos mellores touros aos gandeiros, para os anos 2019-2022 e que está dotado con 600.000 euros.

Para complementar estas actuacións, a Consellería está a tramitar tamén unha orde de de axudas para a realización de poxas de gando bovino selecto no ano 2020, destinadas aos concellos que as organicen co fin de fomentar a compravenda de animais galegos de alto valor xenético.

Durante a poxa de xovencas, onde tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, o titular de Medio Rural indicou que as explotacións galegas en control leiteiro son responsables das dúas terceiras partes do leite que se comercializa en Galicia e, practicamente, toda a produción láctea galega provén de animais da raza frisona.

Nesta liña, José González reiterou a importancia deste tipo de programas de mellora, pois un control leiteiro eficiente é imprescindible para que o programa de selección xenética sexa eficaz, matizou. Por iso, o conselleiro indicou que buscar a excelencia nos produtos é fundamental para poder destacar nun mercado cada vez máis interconectado e competitivo. “O impulso da calidade da produción agroalimentaria é vital para o desenvolvemento dun rural con futuro”; salientou durante a apertura da poxa.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre