Inicio Galicia José González destaca que a certificación forestal constitúe un elemento diferenciador para...

José González destaca que a certificación forestal constitúe un elemento diferenciador para as producións e garante a sustentabilidade do monte

0

O conselleiro subliñou que se está traballando na creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, co que se persegue fomentar e conservar esa biodiversidade

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, mantivo esta mañá un encontro cos comuneiros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pepín, no concello ourensán de Castrelo do Val. Alí, o conselleiro felicitounos por apostar pola certificación do seu terreo, o que constitúe un elemento diferenciador para as súas producións e garante a sustentabilidade da súa xestión forestal, matizou.

Neste senso, José González indicou que a certificación forestal ten unha gran importancia neste eido produtivo, xa que incide nunha maior credibilidade e transparencia nos procesos de aproveitamento dos recursos do monte. Por iso, sinalou o conselleiro, é fundamental promocionar este tipo de garantía tanto nos montes de xestión pública como privada, xa que unha xestión forestal sustentable contribúe tamén a mitigar o cambio climático.

Durante a xuntanza, o conselleiro salientou que o Goberno galego fomenta precisamente accións silvícolas e plantación de coníferas e frondosas para asegurar unha correcta xestión do monte. Por un lado, apóiase a realización de tratamentos preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas. A segunda liña de actuación –explicou– está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se potencia mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros, remarcou o conselleiro.

O conselleiro insistiu en que é preciso garantir un monte sustentable, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, e asegurar un enfoque multifuncional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal. Precisamente sobre isto, José González subliñou que se está traballando na creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, co que se persegue fomentar e conservar esa biodiversidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre