Inicio Galicia José González destaca o plan de dinamización das comarcas vitivinícolas como mecanismo...

José González destaca o plan de dinamización das comarcas vitivinícolas como mecanismo imprescindible para construír o futuro do viño galego

0

Subliñou que esta iniciativa reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos, ademais de potenciar o seu vínculo co rural ao aproveitar os recursos do noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na inauguración da XXVII Feira do Viño do Rosal, onde foi nomeado membro da Confraría dos Cabaqueiros. Alí, puxo en valor o futuro plan de dinamización das comarcas vitivinícolas no que están traballando varios departamentos da Xunta como mecanismo imprescindible para construír o futuro do viño galego entre todos.

Neste sentido, destacou o traballo conxunto que levan a cabo as consellerías de Cultura e Turismo, de Economía, Emprego e Industria e do Medio Rural para impulsar unha proposta integral, consensuada e coordinada na elaboración desta estratexia.

Así, José González trasladou que o viño está sempre presente en tres ámbitos e de aí a necesidade de conxugar sinerxías entre o medio rural, o turismo e a economía. Precisamente, engadiu, este plan reforzará a imaxe e a promoción dos viños galegos, ademais de potenciar o seu vínculo co rural, aproveitando os recursos do noso patrimonio cultural, natural e paisaxístico.

Neste senso, o conselleiro avanzou que se vai reforzar a imaxe de marca, estando todos os selos de calidade promocionados baixo un único paraugas. Ademais, dixo, desenvolveranse produtos e servizos para darlle valor engadido ao sector do viño, fortalecendo así as economías locais de cada zona produtiva.

Para iso é fundamental apostar tamén pola innovación e a formación, matizou o conselleiro, co fin de asegurar unha remuda xeracional e con todo isto conseguir mellores estándares de calidade dos produtos. José González destacou ademais a importancia de promocionar a paisaxe tan característica de Galicia, impulsando a oferta gastronómica en combinación coas paisaxes que crean os viñedos, converténdose nun foco de atención e reclamo para os turistas.

Durante a súa intervención, o titular de Medio Rural puxo en valor o traballo realizado polos máis de 13.000 viticultores e máis de 450 adegas inscritas nas cinco denominacións de orixe vitícolas que temos en Galicia. E resaltou as máis de 9.000 hectáreas de superficie de viñedo, que producen máis de 60 millóns de quilos de uva anuais. Uns datos, insistiu José González, que evidencian o importante papel do viño como elemento dinamizador do rural galego.

Finalmente, o conselleiro agradeceu formar parte da Confraría dos Cabaqueiros e os valores que transmite, pois, segundo explicou, é fundamental poñer en valor o sector vitivinícola e a cultura enolóxica, ademais de promocionar o resto de selos de calidade, xa que “temos os mellores produtos e debemos estar orgullosos deles”, matizou. Tampouco se esqueceu de trasladar os seus parabéns aos gañadores das Catas de Galicia 2019, neste caso, de maneira específica, aos da DO Rías Baixas.

Subzona do RosalO viño do Rosal forma parte da Denominación de Orixe Rías Baixas, sendo esta unha das cinco subzonas que a conforman. No conxunto desta DO, o número de viticultores é de 5.343, dos cales 225 son da subzona do Rosal. En canto a superficie, o global deste selo de calidade ascende a 4.021 hectáreas, das cales 547 son desta subzona, é dicir, o 13,6%.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre