Inicio Galicia José González destaca a calidade dos viños do Ribeiro, equiparable á de...

José González destaca a calidade dos viños do Ribeiro, equiparable á de calquera das zonas produtivas do mundo

0

O conselleiro incidiu na aposta desta denominación polas variedades autóctonas para elaborar caldos de calidade como unha forma de desenvolvemento sustentable e de recuperación do medio rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde na inauguración da 56 edición da Feira do Viño do Ribeiro, onde destacou a potencialidade desta zona vinícola capaz de producir “viños dunha calidade equiparable á de calquera das zonas de produción de calidade do mundo”, dixo o conselleiro.

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e polo presidente do consello regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Juan Casares, incidiu na aposta desta denominación polas variedades autóctonas galegas para elaborar caldos de calidade como unha forma de desenvolvemento sustentable e de recuperación do medio rural en xeral e da zona do Ribeiro en particular.

Así, o conselleiro puxo en valor o traballo dos produtores da zona e do propio consello regulador e felicitounos por ser capaces de conseguir un recoñecemento ao seu traballo e reflectir o potencial dos produtos que ten a DO Ribeiro. Neste senso, José González salientou que é necesario seguir apostando pola promoción dos viños galegos e matizou que “é vital para o noso viño transportar este potencial ao exterior”.

Precisamente para fomentar esta promoción, a Xunta e o sector están a traballar no Plan estratéxico de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia. Neste senso, o titular de Medio Rural insistiu en que grazas a este plan conseguirase mellorar o posicionamento dos viños galegos no seu conxunto e reforzar a oferta turística das súas zonas de produción.

A Feira do Viño do Ribeiro celebra este ano a súa 56 edición, sendo unha das festas enolóxicas máis importantes e antigas de Galicia, posto que a súa creación remóntase ao ano 1932. Nesta edición, participan 38 expositores -dous máis que no 2018- e ofrece un amplo abanico de actividades como obradoiros de cociña, coa participación de destacados chefs, actuacións musicais, tanto en sesións nocturnas como na hora do aperitivo.

A DO Ribeiro ten actualmente 2.250 hectáreas inscritas, na que traballan máis de 4.000 viticultores e 115 industrias. O pasado ano 2018, este selo produciu algo máis de 9.000 toneladas de uva, o que supuxo 8,1 millóns de litros de viño cualificado e un ingreso de 28,4 millóns de euros de facturación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre