Inicio Galicia José González defende os produtos de calidade galegos como impulsores da economía...

José González defende os produtos de calidade galegos como impulsores da economía nas comarcas rurais

0

Anunciou que a Xunta traballa na posta en marcha dun matadoiro móbil para granxas avícolas, entre outras, e aforrar custos ás explotacións


O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe na entrega de premios da XXVI edición da Festa Gastronómica Galo de Curral de Vila de Cruces e alí defendeu a importancia dos produtos de calidade galegos como dinamizadores das economías rurais. José González destacou que a gastronomía é un dos piares polos que é coñecida Galicia e iso é grazas aos produtos agroalimentarios de máxima calidade e sabor que hai na comunidade.

Por iso, o titular de Medio Rural considerou que o camiño a seguir para revalorizar as producións agroalimentarias galegas é o de garantir e enxalzar estas características. Neste sentido, destacou o traballo que desenvolven os produtores tanto agrarios como gandeiros, caso do Galo de Curral.

Neste sentido, o conselleiro anunciou que a Consellería do Medio Rural está estudando a posibilidade de incorporar un matadoiro móbil para granxas avícolas, entre outras, que se poida acercar ás explotacións e así aforrar custos aos titulares das granxas. O obxectivo é que este avance poida estar listo antes de rematar o ano. Do mesmo xeito, sinalou que se está a traballar co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que se autoricen as matanzas nas propias explotacións co mesmo obxectivo, o de reducir gastos e molestias aos produtores.

O conselleiro tampouco quixo esquecerse das razas autóctonas galegas, e sinalou que son unha garantía de calidade para o consumidor e outro xeito máis de dinamizar as economías rurais. Neste sentido, cómpre lembrar que o bo facer de Galicia no tratamento das súas razas en perigo de extinción está chegando a recoñecerse no exterior, como sucedeu coa vaca caldelá. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO) distinguiu a súa recuperación como exemplo de boa xestión, ao pasar de 284 animais rexistrados en 1996 a 1.750 no ano 2015.

Por último, a Consellería do Medio Rural considera que este tipo de feiras, como a do Galo de Curral con 26 anos de historia, son de vital importancia para impulsar a actividade económica nas áreas rurais de Galicia. Así, destacou, por exemplo, que a do Galo de Curral non é só unha festa para os veciños de Vila de Cruces senón para toda a contorna.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre