Inicio Galicia José González defende o futuro do rural baseado na súa singularidade e...

José González defende o futuro do rural baseado na súa singularidade e anima aos empresarios a apostar por el para crear actividade económica rendible

0

Para acadar este obxectivo a consellería pretende mobilizar predios en desuso e presentar este ano no Parlamento a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia

O conselleiro José González participou este mediodía no almorzo sectorial da 4ª edición de Galicia Market Place, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia que versaba sobre os sectores do agro, do mar e alimentario, entre outros. Alí, o responsable de Medio Rural animou aos empresarios a apostar polo rural galego e a investir nel xa que, trasladou, ten un próspero futuro grazas á súa “singularidade”. Segundo José González, “a calidade, a diferenciación e a singularidade” son as características que ten que fomentar e promover o noso rural para xerar rendibilidade.

José González sinalou que un dos obxectivos do seu departamento é crear actividade económica en todo o territorio para o que apostará pola mobilización de terras en desuso. Neste sentido terá un protagonismo clave, a nova Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, que, segundo declarou José González, está prevista a súa presentación no Parlamento este mesmo ano.

Así mesmo, o conselleiro sinalou durante a súa intervención que Galicia ten o 16,5% da superficie rústica de todo o Estado a pesar de que só ocupa o 6% do territorio español. Iso supón, segundo explicou o conselleiro, que contamos con 11 millóns de parcelas catastrais repartidas entre case dous millóns de titulares. “Só Ourense ten máis parcelas catastrais que Andalucía e parte de Extremadura xuntas”, declarou José González.

Por iso, a través desta nova normativa que se está a desenvolver da man do grupo parlamentario popular, preténdese facer unha planificación integral do territorio rural e de usos do solo, co obxectivo de dar seguridade xurídica e aumentar a rendibilidade aos propietarios e destinatarios das terras agrarias. José González tamén destacou que en ningún caso haberá expropiacións, senón procesos de compra-venda ou arrendamento a demanda dos interesados.

Ademais, o titular de Medio Rural trasladou que outro dos puntos claves desta normativa será o de crear polígonos agrogandeiros e forestais. En concreto, está previsto que bote a andar con 15 polígonos piloto que mobilizarán unhas 10.000 hectáreas de terras actualmente abandonadas.

Sector lácteoNo acto, José González, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e explicou aos empresarios as oportunidades de investimento nalgúns sectores destacados do ámbito agrogandeiro e forestal, xa que serán claves para fomentar a actividade económica no rural galego. Así, por exemplo, o conselleiro sinalou que os máis de 7.000 gandeiros galegos facturan ao ano uns 800 millóns de euros e que a produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas, aproximadamente o 40% de España.

Respecto ao sector vitivinícola, o conselleiro recordou que Galicia conta con máis de 15.000 viticultores adheridos a algunha das cinco denominacións de orixe. Así, especificou que estes cinco selos alcanzan unha facturación superior aos 200 millóns de euros ao ano. Neste sentido, José González destacou que o 18% da produción se exporta, cando fai unha década se vendía no exterior o 13%.

O conselleiro tamén fixo balance do sector forestal. Nese aspecto, González lembrou que a metade das cortas de toda España se realizan en Galicia e que máis de 80.000 familias reciben ingresos pola venda de madeira, que xera 300 millóns de euros ao ano.

Ademais das cifras anteriores, o titular de Medio Rural sinalou, tamén, como “oportunidades de inversión” os 35 selos de calidade cos que conta Galicia no ámbito agroalimentario e o crecemento da produción ecolóxica (nun 41%).

Colaboración cos empresariosDespois de facer balance dos datos, José González apelou á colaboración cos empresarios e inversores alí presentes para crear actividade económica rendible. Para iso, sinalou que a Consellería do Medio Rural creará instrumentos financeiros que canalicen os investimentos e loitará por lograr incentivos fiscais que faciliten os investimentos, entre outras medidas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre