Inicio Galicia José González achégase ás principais zonas afectadas polas treboadas para coñecer de...

José González achégase ás principais zonas afectadas polas treboadas para coñecer de primeira man os danos en cultivos

0

O conselleiro indicou que, ao longo deste día, os técnicos das oficinas agrarias comarcais máis próximas estiveron avaliando os danos sobre o terreo

O conselleiro do Medio Rural, José González, achegouse esta tarde ao concello do Barco de Valdeorras e está previsto que se desprace tamén ao de Monterrei para coñecer de primeira man os danos rexistrados en diferentes cultivos como consecuencia das fortes treboadas e pedrazo que se produciron onte nas comarcas ourensás de Verín e Valdeorras.

No Barco, onde estivo acompañado polo alcalde do municipio, Alfredo García, o conselleiro indicou que ao longo deste día os técnicos das oficinas agrarias comarcais máis próximas aos concellos afectados identificaron e avaliaron os danos sobre o terreo para coñecer as consecuencias destes episodios meteorolóxicos adversos. No caso concreto dos viticultores, José González sinalou que tamén se está en contacto cos consellos reguladores de Valdeorras e Monterrei para facer unha avaliación conxunta.

Neste sentido ademais animou a utilizar os correspondentes produtos cicatrizantes nas vides para o que teñen apoio técnico da Xunta. “Estamos á súa disposición para calquera dúbida”, concretou José González, e engadiu que o uso destes tratamentos poden ter un efecto moi positivo.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou a importancia da contratación de seguros agrarios de cara a facer fronte a imprevisibles coma os temporais e outras cuestións relativas á meteoroloxía, como o acontecido na tarde de onte. Deste xeito, insistiu, é a forma máis segura que teñen as explotacións para estar cubertos en caso de que se produzan danos en explotacións e minimizar así as perdas ocasionadas.

O titular de Medio Rural destacou que para este ano 2019 o seu departamento dedica un orzamento de 5 millóns de euros á orde de axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios en Galicia. “É preciso subscribir seguros agrarios para protexer o noso medio de vida, o noso negocio”, manifestou o conselleiro e lembrou que en Galicia se subscribiron o pasado ano case 50.000 pólizas de seguros agrarios, o que representa o 11% do total nacional.

As principais zonas afectadas nestas comarcas ourensás son os municipios do Barco de Valdeorras, Rubiá, O Bolo, Verín e Monterrei. A este último concello desprazarase o conselleiro en torno ás 19.30 horas para coñecer o estado dos cultivos xunto co alcalde, José Luis Suárez.

Os danos ocasionados poden verse en diferentes cultivos, tales como viñedos e horta ao aire libre. Precisamente o pasado ano as liñas agrícolas máis aseguradas foron as de uva de vinificación e as forraxeiras.

Bono de Alugueiro SocialDoutra banda, a Xunta -a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- pon a disposición dos afectados polas inundacións e riadas rexistradas no día de onte e que necesiten alugar unha vivenda o Bono de Alugueiro Social, que achega unha axuda de ata o 50 por cento do custe do alugueiro. Ademais, tamén hai unha axuda inicial de 600 euros para gastos de contrato de alugueiro e gastos de contratación de subministracións da vivenda.

Este bono vai dirixido, entre outras persoas, a aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como as inundacións rexistradas esta semana.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre