Inicio Galicia José Balseiros pon a explotación de arandos do Cádavo como exemplo de...

José Balseiros pon a explotación de arandos do Cádavo como exemplo de dinamización económica en Cerdedo-Cotobade

0

O director salientou que este tipo de explotacións están en auxe na nosa comunidade, sendo unha aposta segura para fomentar a xeración de emprego e a consolidación de explotacións que ofrecen produtos alternativos


O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarios, José Balseiros, achegouse ata o concello de Cerdedo-Cotobade para coñecer de primeira man as instalacións da explotación de arandos do Cádavo. Alí, o director, que estivo acompañado polo alcalde deste municipio pontevedrés, Jorge Cubela, puxo a esta empresa como exemplo de dinamización económica no rural galego.

Neste senso, o director salientou que este tipo de explotacións están en auxe na nosa comunidade, sendo unha aposta segura para fomentar a xeración de emprego e a consolidación de explotacións que ofrecen produtos alternativos e con demanda entre os consumidores.

Así, durante a visita, José Balseiros interesouse pola diversificación da súa produción, que se basea principalmente no cultivo de arandos pero tamén teñen unha parte experimental dedicada á produción de froitos vermellos (tales como amorodos, framboesas e uva espiña). Neste senso, os propietarios da explotación interesáronse nas axudas da Consellería do Medio Rural para poder levar a cabo unha ampliación do seu negocio, ao que o director xeral lles explicou que a liña de plans de mellora pode ser unha boa alternativa. Ademais, tamén lles indicou que coas axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios poderían ofertar produtos transformados como marmeladas, o que contribuiría a ampliar mercado e a crear valor engadido para as súas producións.

A explotación de arandos está ubicada nunha parcela de case dúas hectáreas cedida polos comuneiros do monte veciñal en man común O Cádavo. Comezou a súa actividade no ano 2015 e agárdase que en dous anos estea a pleno rendemento coas 6.000 plantas de arandos existentes. No último ano, a colleita superou os 5.000 quilos deste produto e agárdase que chegue a duplicar a produción de cara aos vindeiros anos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre