Inicio Galicia Jacobo Sutil sinala que o novo estatuto da Agadic mellorará a eficacia...

Jacobo Sutil sinala que o novo estatuto da Agadic mellorará a eficacia e a autonomía sen modificar os seus obxectivos

0

O director do organismo explicou no Parlamento que a modificación atinxe só á súa estrutura interna e non afectará ás políticas e programas levados a cabo

O director da Agadic, Jacobo Sutil, explicou que o novo estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais ten como obxectivo mellorar a súa eficacia e autonomía a nivel interno sen renunciar aos obxectivos fundacionais nin ao status quo do centro. Fíxoo durante unha pregunta no Parlamento na que aclarou que as modificacións atinxen só á estrutura interna do ente público, a través da creación da figura do Xerente, o que permitirá axilizar a xestión da Axencia e seguir dando resposta ás políticas e programas previamente pactados cos axentes do sector.

Así pois, o director da Agadic concretou que o novo estatuto “non implica en absoluto ningún cambio ou reforma das políticas ou programas da axencia”. Neste sentido, negou que a modificación do estatuto en relación ao Centro Dramático Galego supoña calquera tipo de perda de autonomía e explicou que xa se puxo en contacto co colectivo de actores para convocalos a unha xuntanza co obxectivo de explicarlles os detalles desta modificación estatutaria. Esta xuntanza terá lugar esta mesma tarde.

Jacobo Sutil lembrou que a devandita modificación estatuaria se atopa en fase de exposición pública, polo que animou os axentes do sector a colaborar e sumar as súas achegas en caso de que o consideren preciso. Insistiu en que este cambio non afectará á liña levada a cabo polo seu departamento e que desde a súa creación cumpriu cos obxectivos da Agadic reflexados no seu estatuto a través de diferentes accións e programas.

Entre esas accións, citou como exemplos as axudas á creación escénica, o proxecto Galicia Escena PRO ou Camiño Escena Norte en artes escénicas, as axudas á coprodución ou aos festivais no ámbito audiovisual e, no eido musical, a constitución do consello asesor de música ou o lanzamento este ano de axudas á produción fonográfica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre