Inicio Galicia Intervención do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo tras a Reunión Extraordinaria...

Intervención do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo tras a Reunión Extraordinaria do Consello da Xunta

0


Despois destes anos, vostedes –como boa parte dos galegos- xa me coñecen e me coñecen ben, con todos os defectos que posúo e tamén con algunha virtude se é que realmente a teño… e, por tanto, saben que son previsible e xa imaxinan o motivo desta rolda de prensa.

Quero comunicarlles que, tal e como recolle a lexislación autonómica para as competencias exclusivas do Presidente da Xunta… veño de reunir ao Goberno de Galicia para informarlles de que hoxe mesmo asinarei o Decreto de convocatoria de eleccións autonómicas.

Galicia, como o resto de España, vén de vivir catro procesos electorais recentes en 2019: dúas xerais, unhas eleccións municipais e unhas eleccións europeas. E tamén Galicia como o resto de España vén de vivir catro eleccións xerais nos últimos catro anos.

Nin os galegos nin a Xunta somos responsabilidades desta situación de inestabilidade. Ao contrario, o que sempre tratamos desde Galicia foi aportar estabilidade ao conxunto das familias e da nación. Fixémolo durante toda a crise económica e tamén achegamos estabilidade durante toda a crise institucional que vivimos en España nos últimos anos. Unha España que desde 2015 entrou en dúas fases distintas de bloqueos, moción de censura e de repeticións xerais.

Pero en 2020, en Galicia, por calendario, si ou si ten que haber eleccións autonómicas e isto supón un novo proceso electoral que se suma a todos os que os cidadáns viviron nos últimos tempos.

A decisión que veño de adoptar é a de reducir ao máximo o período electoral para preservar a normalidade e a estabilidade institucional e social na Comunidade Autónoma característica da normalidade institucional e social da Galicia dos últimos once anos. Unha vez que o País Vasco convocou eleccións e tamén unha vez que está anunciado o adianto das eleccións en Cataluña, España podería vivir tres eleccións nun período de apenas 6-7 meses, e isto, na miña opinión, non é compatible coa responsabilidade que defendemos desde Galicia.

Por tanto, como en 2009, en 2012 e en 2016 –e como era previsible que sucedese- as eleccións autonómicas de Galicia en 2020 serán ao tempo que no País Vasco. Todos os galegos e todas as galegas quedan convocados para votar o 5 de abril e para que elixan ao Parlamento de Galicia e del sairá o presidente da Xunta de Galicia e, posteriormente, o Goberno de Galicia.

A disxuntiva para Galicia era un período electoral de 54 días ou unha campaña que -dun xeito ou doutro- podía durar 6 ou 7 meses. E Entendemos que, entre un período electoral de 54 días ou un período electoral de 6 ou 7 meses o máis beneficioso para Galicia e tamén para España é optar pola primeira opción: un período electoral de 54 días a partir de mañá.

Ademais, é unha cuestión de coherencia: sempre intentamos defender a concentración das eleccións nunha mesma xornada (fixémolo nas primeiras eleccións Xerais do ano 2019 cunha diferencia escasa dun mes sobre as eleccións Municipais que xa estaban convocadas). Eu non estou disposto a renunciar aos meus compromisos por ningún tipo de interese ou intereses alleos ao que pensamos que é bo para Galicia.

Galicia achega responsabilidade, seriedade e estabilidade ao conxunto España, sexan cales sexan as circunstancias que se viven no conxunto da nación, nós levamos achegando estabilidade e seguridade á mesma. Isto intentámolo facer cada día da lexislatura desde o principio ata o último día desta lexislatura que comezou en setembro de 2016 . Estes principios e obxectivos, por coherencia, inspiran a decisión sobre a data das eleccións que acabo de anunciarlles.

Galicia, un ano máis –e xa son once anos- ten os seus orzamentos aprobados e en vigor desde o 1 de xaneiro de 2020; gobernouse e seguirá gobernándose con normalidade e isto espero que continúe desde o primeiro día da seguinte lexislatura que comezará o día 5 de maio de 2020.

O Goberno autonómico que saia das urnas o próximo 5 de abril terá moito camiño andado, desde o primeiro día en que tome posesión terá uns orzamentos en vigor, terá todas as ferramentas necesarias para seguir traballando, para seguir crecendo, para seguir creando emprego, para culminar as infraestruturas viarias, para consolidar as infraestruturas sanitarias, educativas e sociais e aumentar as prestacións, cumprindo con todos os deberes de consolidación fiscal que vimos cumprindo en Galicia nos últimos once anos.

E, neste sentido, non só terá un orzamento autonómico; senón que tamén poderán preparar, sen alteracións, cun calendario amplo, o próximo orzamento de Galicia para 2021, dado que o Goberno que saia das urnas terá tempo dabondo para sacar as instrucións de confección dos presupostos do ano 2021 e para presentalos en prazo en outubro do ano 2021.

Con independencia das lexítimas aspiracións de cada partido; que Galicia non reproduza todos os sobresaltos políticos que viviu España nos últimos tempos, debería ser un obxectivo común de todos os partidos políticos que aspiramos a representar os intereses de todas as galegas e de todos os galegos.

Que no período electoral que mañá se abre, que durante toda a precampaña ou durante toda a campaña que virá despois, haxa unha competencia entre todas as opcións e que Galicia siga dando exemplo dunha política útil que sirva para os cidadáns é o noso principal obxectivo. E este é o meu desexo e tamén é o meu obxectivo como presidente da Xunta. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre