Inicio Galicia Inspectores de Medio Rural e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica fórmanse...

Inspectores de Medio Rural e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica fórmanse no control e a certificación destas producións

0

O control e certificación constitúe unha faceta fundamental nos esquemas de produción da calidade diferenciada, xa que outorgan credibilidade ao sistema, tanto a operadores como a consumidores


Un total de 23 inspectores da Consellería do Medio Rural e do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) participan no curso sobre control e certificación da produción ecolóxica que se desenvolve estes días no Pazo de Quián, en Sergude-Boqueixón, sede oficial da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), entidade organizadora desta acción formativa. As xornadas técnicas foron inauguradas esta mañá polo director da Agacal, Manuel Rodríguez.

O control e certificación constitúe unha faceta fundamental nos esquemas de produción da calidade diferenciada, xa que outorgan credibilidade ao sistema, tanto a operadores como a consumidores. A fiabilidade do sistema de control supón ademais a mellor ferramenta de promoción dos produtos ecolóxicos.

Este curso abrangue aspectos como a normativa, as técnicas de auditoría, as fases dos procesos produtivos, a seguridade alimentaria ou os subministros e insumos empregados. Os seus obxectivos son tomar conciencia da importancia do control oficial en materia de pensos e alimentos, como uns dos eixos fundamentais da garantía da seguridade alimentaria, afondar nos coñecementos do sistema de control oficial esixido á produción ecolóxica na UE e comprender a importancia da certificación ecolóxica como mecanismo de garantía de calidade e cumprimento da protección ó consumidor.

Trátase tamén de identificar os produtos ecolóxicos (materias primas, produtos intermedios ou produtos finais) polo seu correcto etiquetado ou pola súa documentación de acompañamento, de aproximarse ao coñecemento xeral dos requisitos e os trámites de intercambio de produtos ecolóxicos entre os distintos países e de consolidar técnicas de auditorías de control e supervisión. Neste curso ponse tamén de manifesto o feito de que a rendibilidade dunha explotación ecolóxica está marcada tanto por unhas acertadas decisións de comercialización como por un idóneo control e manexo agroecolóxico, que potencie unhas producións sas e de calidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre