Inicio Galicia Infraestruturas licita as obras da nova senda peonil entre Alba e San...

Infraestruturas licita as obras da nova senda peonil entre Alba e San Caetano no Concello de Pontevedra

0

Trátase da construción dun itinerario duns 600 metros que coincide coa traza do Camiño Portugués e que conta cun investimento de 640.000 euros


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a parroquia de Alba, na cidade do Lérez, co obxectivo de anunciar a licitación hoxe no Diario Oficial de Galicia da nova senda peonil entre Alba e San Caetano, na PO-225.

Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, e o xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Manuel Ángel González Juanatey, así como de representantes dos veciños desta parroquia.

Esta actuación conta cun orzamento de case 632.000 euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 36 fincas necesarias para executar esta actuación. Trátase dun itinerario planificado polo Goberno galego no marco do Plan de Sendas na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.

A actuación céntrase na execución dunha senda duns 600 metros no treito da estrada PO-225, que conecta as poboacións de Alba e San Caetano e as empresas situadas na zona, e que que coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués.

A senda executarase pola marxe esquerda da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+370 e o 0+940, esquerda, e dende o 0+820 ao 0+910 na marxe dereita.

Para acometer este itinerario será necesario rectificar a curva existente entre os puntos quilométricos 0+860 e 0+940; reordenar a intersección no punto 0+910, mellorando a súa seguridade; e instalar unha pasarela de 13,10 m de lonxitude sobre o río Cortes, que permite evitar o tránsito de peóns por un punto estreito da estrada. “Debemos destacar que a intervención nesta estrada non só destaca pola execución da senda, senón pola posta en valor de todo o seu entorno”, engadiu o delegado territorial.

As empresas interesadas terán así 26 días dende hoxe para presentar as súas ofertas. O prazo de execución das obras será de seis meses. O levantamento de actas previas das expropiacións e os pagamentos de depósitos previos farase esta próxima primavera.

O obxectivo desta intervención é incrementar a seguridade de veciños e dos peregrinos nos seus desprazamentos polo Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano. O propósito da Xunta é tamén que o itinerario estea listo para ser empregado polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo de 2021.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre