Inicio Galicia Gardacostas requisa máis de 750 útiles de pesca, un vehículo e arredor...

Gardacostas requisa máis de 750 útiles de pesca, un vehículo e arredor de 570 quilos de distintas especies de peixe e marisco

0
image_gallery.jpg

A maioría dos comisos de especies rexistráronse na ría de Ferrol, na que os axentes requisaron máis de 340 quilos de peixe e marisco, mentres que a maior parte dos útiles, 586, incautáronse na ría de Vigo


Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 750 útiles, un vehículo, arredor de 570 quilos de distintas especies de peixe e marisco e 800 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A ría de Ferrol foi obxecto de distintas actuacións de loita contra o furtivismo nas que se comisou a maior cantidade de peixe e marisco, máis de 340 quilos, máis de 40 útiles, un vehículo e 650 metros de artes de enmalle. O vehículo foi requisado nunha actuación conxunta entre os axentes de Gardacostas e da Garda Civil e nela identificáronse a dúas persoas ás que, ademais do vehículo no que transportaban a mercadoría, tamén se lle requisaron arredor de 95 quilos de vieira e dous equipos de mergullo.

Na ría da Coruña os axentes requisaron en diferentes controis máis de 104 quilos de marisco e de 50 útiles. Nunha das inspeccións realizada no pantalán de Oza, os gardacostas comisaron 68 quilos de nécora, 17 quilos de lumbrigante e 3 quilos de camarón. Tamén incautaron os 10 viveiros e tres salabardos que contiñan estas especies debido a que todo estaba sen identificar.

Mentres na ría de Ares e Betanzos os efectivos de Gardacostas aprehendéronse de 11 quilos de marisco e de seis útiles, na Costa da Morte fixeron diferentes controis nos que requisaron arredor de cinco quilos de marisco e na ría de Muros e Noia fixéronse con 28 quilos de peixe e marisco e dous útiles.

A ría de Arousa tamén foi obxecto de distintas actuacións que se saldaron co comiso de máis de 47 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 68 aparellos. Nun dos controis realizados na zona da Illa de Arousa, os gardacostas requisaron 30 nasas e máis de dous quilos de marisco, a maioría polbo, debido a que todo estaba sen identificar.

A maiores, na ría de Vigo os axentes incautaron un total de 586 aparellos, dos que a maioría, 550, eran cacharros que aprehenderon nun control en Oia debido a que son útiles ilegais. Nesta ría tamén comisaron máis de 18 quilos de peixe e marisco. Noutros controis realizados na ría de Pontevedra os gardacostas comisaron 15 quilos de distintas especies de peixe e marisco e 150 metros de artes de enmalle.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre