Inicio Galicia Galicia traballa para lograr seguridade xurídica no ámbito marítimo-pesqueiro e que os...

Galicia traballa para lograr seguridade xurídica no ámbito marítimo-pesqueiro e que os sectores vencellados medren

0

A conselleira do Mar destaca o brexit e a expansión global de China como os principais retos actuais no ámbito pesqueiro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a importancia para Galicia de ter clara a interpretación xurídica do ámbito marítimo-pesqueiro para conseguir que as distintas ramas de actividade deste sector medren. Trátase dun aspecto crucial, incidiu, pois a cadea extractiva e o complexo mar-industria xeran preto de 9.000 millóns de euros de ingresos ao ano, teñen influencia en 64 das 81 ramas de actividade económica de Galicia e xeran arredor de 40.000 empregos directos, dos que máis de 20.000 corresponden ás actividades extractivas.

A titular de Mar puxo de relevo a transcendencia do ámbito xurídico durante a inauguración das V Xornadas Internacionais da Rede de Excelencia de Estudos Xurídicos Marítimos (Redexmar), titulada nesta edición A construción xurídica dun espazo marítimo común europeo, e lembrou que Galicia xa está a traballar intensamente neste eido. Como exemplos puxo os dous estudos elaborados polo Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre o brexit ou os elaborados pola Fundación MarInnLeg sobre aspectos como a necesaria consecución dun marco igualitario de xogo no ámbito da pesca.“Temos retos novos cada día e máis aínda nun ámbito, o marítimo-pesqueiro, de carácter e implicación global, tanto no aspecto extractivo como no comercial”, salientou Rosa Quintana, que apostou por “seguir avanzando e planificando” para superar eses retos. “En Europa, o brexit centra todos os nosos esforzos pola súa influencia sobre a pesca tanto no vello continente como en Malvinas”, remarcou a representante do Executivo galego.

Outro asunto de relevancia que sinalou a conselleira do Mar foi o papel que está a desenvolver China a nivel global e a súa influencia na pesca, tanto pola súa expansión como polo seu xeito de facelo, “clave en termos tanto de explotación dos recursos como de impacto nos mercados”.

Non obstante, Rosa Quintana mostrouse confiada de que a integración marítimo-pesqueira de Reino Unido é factible ante o reto de mellorar a gobernanza dos mares e océanos. Nesta liña, Galicia xa mantivo reunións coa División de Asuntos Oceánicos e de Dereito do Mar da ONU e colaboracións coa FAO, a Unesco e outros organismos internacionais para favorecer que esa gobernanza asegure que as novas explotacións de recursos sexan compatibles coas preexistentes e non provoquen a perda de emprego e riqueza así como que a ordenación e xestión pesqueira respecte o equilibrio ambiental, económico e social.

Precisamente, a titular de Mar quixo enxalzar o labor de Redexmar e destas xornadas, en especial o do seu coordinador, o profesor Sobrino, para afrontar estes retos con garantías. “Non estamos sós, contamos con Redexmar e cos seus catro grupos de investigación así como cos profesionais das nosas tres universidades”, concluíu a representante da Xunta.

V Xornadas RedexmarO encontro, que se celebra entre hoxe e mañá, está organizado pola Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos e polo Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Univerdade da Coruña. Pretende debater desde distintos puntos de vista sobre a construción xurídica dun espazo marítimo común europeo analizando aspectos como a confluencia das distintas políticas sectoriais marítimas da UE, o escenario do traballo no mar e os dereitos humanos no entorno marítimo ou o espazo marítimo europeo como espazo de seguridade e o seu papel nas relacións internacionais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre