Inicio Galicia Galicia traballa para evitar que os recortes na pescada e no xurelo...

Galicia traballa para evitar que os recortes na pescada e no xurelo reduzan os ingresos de preto de 3.700 tripulantes

0

As reducións das posibilidades de pesca propostas por Bruxelas para estas dúas especies terían un impacto directo no sector de 37 millóns de euros e máis do dobre, preto de 90 millóns, no conxunto da economía galega

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento o traballo realizado pola Xunta para defender os intereses do sector pesqueiro galego no próximo Consello de Ministros de Pesca da UE, que se celebrará a mediados de mes e que fixará os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2020, e lembrou que conta con dous informes que pretenden evitar que os recortes propostos por Bruxelas na pescada e no xurelo reduzan os ingresos dos preto de 3.700 tripulantes dependentes das frotas que capturan estas especies.

Estes estudos, que xa foron entregados pola titular de Mar tanto ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como á Comisión Europea, mostran que o impacto dos recortes propostos nas posibilidades de pesca da pescada -un 20% de media entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol- e no xurelo -un 48% de media entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- teñen un impacto directo no sector pesqueiro galego de preto de 37 millóns de euros. Esa cifra, incidiu a representante do Executivo galego, sobe a máis do dobre, case 90 millóns de euros, se se ten en conta o conxunto da economía galega, pois 64 das súas 81 ramas de actividade están relacionadas coa pesca.

Rosa Quintana, que representará novamente ás comunidades autónomas nese Consello de Ministros de Pesca decisivo, asegurou que a proposta realizada por Bruxelas é “substancialmente negativa” e lembrou que, dos 36 TAC nos que España ten cota, só en sete propón subas, mentres que en catro mantén as posibilidades de pesca e en 18 defende recortes, á marxe doutros sete que están pendentes de definir. “Ademais, duplica os recortes e divide á metade os incrementos con respecto ao ano pasado”, lamentou a titular de Mar, que salientou que o seu departamento está a traballar con argumentos científicos e técnicos para contrarrestar a proposta do Executivo comunitario e lograr o equilibrio entre os aspectos ambientais, sociais e económicos na xestión das pesqueiras da frota galega.

Nesta liña, a conselleira do Mar subliñou que en algunhas das súas propostas a Comisión Europea non ten en conta as recomendacións dos científicos e lembrou o traballo feito polo sector, que permitiu recuperar nun 36% desde 2003 a biomasa global dos recursos pesqueiros no Atlántico e que o 78% das cotas se estableza en niveis de rendemento máximo sustentable (RMS). “Con esta proposta están en risco as dimensións social e económica da pesca, polo que estamos a traballar para acadar un rendemento mínimo sustentable na economía e no emprego”, aseverou a representante da Xunta.

Importancia da cogobernanzaPara lograr este obxectivo, explicou, é fundamental avanzar na cogobernanza e contar coa participación do sector así como dispor de argumentos científicos e técnicos que avalen as demandas de Galicia e manter a lealdade e unidade de acción co Goberno central e coas restantes comunidades autónomas para facer valer as demandas de España ante Bruxelas.

Precisamente, outro dos informes cos que conta a Xunta para defender os intereses galegos no Consello de Ministros de Pesca é o da cigala do Cantábrico Noroeste, elaborado polo sector coa colaboración da Consellería do Mar e aprobado polo Consello Galego de Pesca. Este estudo mostra que a situación do recurso é mellor da que a propia Comisión Europea recoñece e considera demasiado restritivo o peche da pesqueira.

Rosa Quintana tamén volveu defender que as rebaixas ou incrementos de cotas nunca deberían superar o 15%, para permitir unha aproximación máis suave aos niveis de biomasa a acadar, e apostou por seguir dando pasos na mellora na xestión, facendo máis acordes os modelos de previsión coas propostas de TAC e cotas.Á marxe das posibilidades de pesca que se fixarán no Consello de Ministros de mediados de mes, a Consellería do Mar tamén está a traballar na defensa dos intereses galegos na fixación de cotas como as da xarda, do lirio ou do peixe espada, que dependen da negociación con Noruega ou doutras organizacións pesqueiras. A maiores, a titular de Mar remarcou que non se deben esquecer outros asuntos importantes a tratar en Bruxelas, como a importancia de manter a bolsa de especies con TAC cero para facer fronte á obriga de desembarque ou ter presente o brexit, sobre o que expuxo a necesidade de pechar un acordo pesqueiro co Reino Unido que manteña o statu quo en canto ao acceso recíproco ás augas e aos mercados.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre