Inicio Galicia Galicia ten executado máis do 45% dos fondos do PDR 2014-2020, fronte...

Galicia ten executado máis do 45% dos fondos do PDR 2014-2020, fronte á media española que se sitúa no 38%

0

A nosa comunidade é a primeira autonomía española en porcentaxe de execución, superando a outras comunidades autónomas con programas relevantes e semellantes ao galego (de case 900 millóns de euros)


Galicia ten executado o 45,45% dos fondos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, fronte á media española que se sitúa no 38%. Estas cifras puxéronse de manifesto esta mañá no Comité de Seguimento do PDR Galicia, que estivo presidido pola secretaria xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, María Jesús Lorenzana.

Na xuntanza de traballo presentouse, entre outras, unha proposta de modificación do importe das medidas deste PDR 2014-2020, co fin de prorrogar un ano máis as liñas de achegas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica, entre outras, polo que se manterán todas as ordes de axuda. Unha proposta que xa se lle adiantara aos integrantes do Comité a principios de mes.

Así, na reunión avaliouse o grado de execución deste PDR e, neste sentido, cabe adiantar que a nosa comunidade é a primeira autonomía española en porcentaxe de execución, superando a outras comunidades autónomas con programas relevantes e semellantes ao galego (de case 900 millóns de euros), como son o caso de Andalucía (executou o 27,45%), Estremadura (o 37%), Castela A Mancha (o 39,30%) e Castela e León (o 42,19%).

Nesta liña, cómpre explicar que se se fai unha análise por grao de execución, Galicia é a sexta comunidade por detrás de autonomías cun programa moi inferior ao noso (menos de 470 millóns de euros fronte aos case 900 millóns que ten a nosa comunidade). Estas cifras amosan que o ritmo de execución é o mellor do conxunto das autonomías que contan cun importe semellante no seu PDR, polo tanto, é rotundamente falso que se vaian perder os 700 millóns de euros dos que fala algunha organización agraria, que tan só quere facer política das súas declaracións públicas, causando desánimo e incerteza no propio sector con informacións falsas. Ademais, cómpre reiterar que queda tempo para finalizar o actual PDR 2014-2020, xa que se prorroga case dous anos máis do período sinalado para facer efectivos os últimos pagos e cubrir o período de tempo ata que comeza a execución do seguinte PDR.

Neste senso, na xuntanza do Comité propúxose o incremento da dotación orzamentaria da liña de agroambiente e clima en 23,1 millóns de euros (cofinanciados con fondos Feader). Con esta suba orzamentaria preténdese atender a demanda para este tipo de actuacións, que fomentan prácticas agrarias máis sustentables e respectuosas co medio ambiente. Así, no conxunto do PDR, esta medida terá un orzamento de 79,1 millóns de euros para apoiar unha superficie de 145.400 hectáreas.

En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, propúxose o incremento da dotación desta medida en 1,5 millóns de euros (cofinanciados con fondos Feader). Así, no conxunto do PDR, esta medida terá un orzamento de 2,2 millóns de euros para apoiar unha superficie de 3.600 hectáreas.

Finalmente, cómpre sinalar que as axudas para pagos a zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas seguirán tendo orzamento para o vindeiro ano e poderanse atender as solicitudes das explotacións agrarias situadas nese ámbito territorial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre