Inicio Galicia Galicia seguirá traballando nunha Sanidade Pública centrada nas persoas cunha folla de...

Galicia seguirá traballando nunha Sanidade Pública centrada nas persoas cunha folla de ruta que marcará a Estratexia de humanización

0

Feijóo incide en que este modelo é fundamental para o traballo dos profesionais, para o coidado e recuperación dos pacientes e para a tranquilidade dos acompañantes


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que Galicia seguirá traballando nunha Sanidade Pública centrada nas persoas, na que primen o trato persoal entre os profesionais da medicina e os pacientes, a salvagarda da dignidade do paciente, a súa autonomía e a comunicación.

Durante a presentación da Estratexia de humanización da asistencia sanitaria Preto de ti, no Complexo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro, Feijóo incidiu en que este modelo é fundamental para o traballo dos profesionais, para o coidado e recuperación dos pacientes e para a tranquilidade dos acompañantes. E garantiu a plena implicación da Administración autonómica para acadar este obxectivo, cunha folla de ruta común para o conxunto do sistema, na que se integren os proxectos de humanización que xa se están a levar a cabo nos hospitais públicos galegos, co esforzo colectivo dos profesionais, pacientes e entidades.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico lembrou que son xa moitas as iniciativas que se están a levar a cabo grazas ao compromiso dos profesionais e doutros axentes, cos que o Servizo galego de saúde está a colaborar para humanizar cada vez máis a sanidade pública. Así, por exemplo, recordou as iniciativas en colaboración coa Fundación María José Jove, coa Asociación Española contra el Cáncer e coa Fundación Andrea, entre outras.

Así mesmo, referiuse a outros proxectos postos tamén en marcha por profesionais sanitarios, pacientes e entidades: como a horta que está a disposición dos pacientes e acompañantes do Hospital Público de Ourense; os pequenos coches teledirixidos que levan a quirófano aos nenos do Hospital de Santiago e do da Coruña; ou os programas de voluntariado para o acompañamento en hospitais e centros de saúde.“E habilitáronse salas de lactancia materna en todas as áreas sanitarias e creáronse bancos de leite materna tanto en Santiago como en Vigo, que recollen o leite de nais doantes de varias áreas sanitarias de Galicia”, engadiu, subliñando, por outra banda, a elaboración para as 7 áreas sanitarias dun proxecto tanto de iconografía con pictogramas como de realidade simulada, destinado a aqueles pacientes con trastorno do espectro autista (TEA). Feijóo resaltou tamén que o Gran Montecelo foi o primeiro hospital de España en contar con aseos adaptados para pacientes ostomizados, “e hoxe están presentes en todos os hospitais de Galicia”. E enxalzou a traxectoria da Comisión Galega de Estratexia contra a Dor, creada en 2012 para mellorar a calidade de vida das persoas con dor e dos seus achegados.

Evitar desprazamentos innecesarios aos pacientes“E estase a traballar para, sempre que sexa posible, evitar desprazamentos innecesarios”, dixo, destacando o compromiso de que a Hospitalización a Domicilio chegase en 2021 –en apenas un ano– a todo o territorio galego.

Nesta mesma liña, salientou que o pasado ano realizáronse 3 millóns de consultas telefónicas, o que evitou 3 millóns de desprazamentos para citas presenciais. E a implantación de novas ferramentas TIC como o modelo de control teleasistido TELEA, permite seguir e controlar aos pacientes crónicos desde a Atención Primaria –nos últimos dous anos a case 2.800 pacientes de 277 centros de saúde-.

E, tamén cómpre destacar a utilidade da Tarxeta AA (dobre A) para facilitar a atención aos pacientes que a portan, como é o caso daqueles con trastornos relacionados co espectro autista, alzhéimer, parálise cerebral ou discapacidade intelectual grave asociada a trastornos de conducta ou problemas de comunicación -en total, máis de 9.500 persoas contan con esta tarxeta en Galicia-.

Ademais do compromiso no deseño dunha vestimenta que sexa máis respectuosa coa intimidade e o pudor das persoas hospitalizadas, ao tempo que permita a funcionalidade axeitada, Feijóo aseverou que tamén se está a traballar para que os acompañantes conten con lugares onde gardar as pertenzas durante a estancia coa persoas enferme ou onde poder cargar os seus dispositivos electrónicos.

Para incrementar a participación da cidadanía no sistema de saúde, o presidente da Xunta destacou a posta en funcionamento do Consello Asesor de Pacientes, conformado por 90 asociacións de pacientes e cuxa función é asesorar ao Servizo Galego de Saúde para que este, á súa vez, se adapte o máximo posible ás necesidades dos pacientes.

Cada área sanitaria conta cun consello deste tipo para que a xestión da sanidade estea o máis preto posible das persoas que fan uso dela.

Ademais da creación dun repositorio de boas prácticas no eido da humanización para que as iniciativas que funcionan inspiren a todos os profesionais sanitarios, Feijóo subliñou que co fin de que os profesionais desenvolvan o seu traballo no mellor ambiente posible, estase a traballar, entre outras cousas, nun Plan de Igualdade, dirixido a evitar calquera tipo de discriminación laboral.

Feijóo concluíu referíndose á unidade Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario Álvaro Cunqueiro como exemplo de que os hospitais galegos están cambiando para ser, cada vez, centros máis pensados para a atención integral das persoas. Así, esta área conta con diferentes recursos non só para tratar aos máis pequenos, senón tamén para facelos sentir o mellor posible, cun ambiente adaptado á súa idade nun momento das súas vidas duro para eles e para as súas familias.

Con este obxectivo creouse un patio de recreo con xogos para diferentes idades, mantéñense convenios con distintas asociacións e ONG que achegan entretemento a esta planta, e abriuse a UCI pediátrica e a de neonatos para os proxenitores durante as 24 horas do día. Todas estas iniciativas, sumadas ao Banco de Leite Materna ou á Unidade de Traballo de parto e recuperación, son tamén elementos que ofrecen tranquilidade ás nais e pais.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre