Inicio Galicia Galicia rexistrou un mes de outubro húmido e con temperaturas que foron...

Galicia rexistrou un mes de outubro húmido e con temperaturas que foron en xeral un pouco máis cálidas do agardado

0

O avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia constata que choveu un 18% máis que no período de referencia, unha situación que contrasta cos cinco anos anteriores, durante os que a chuvia acumulada estivo por debaixo da media


O outono arrancou en Galicia marcado polas chuvias e por unhas temperaturas lixeiramente por riba do agardado nesta época do ano. Segundo se recolle no resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, outubro foi un mes húmido en xeral no conxunto da comunidade, unha situación que contrasta co sucedido nos cinco anos anteriores, e lixeiramente máis cálido con respecto ao período histórico que se utiliza como referencia, que vai do ano 1981 a 2010.

Desde o punto de vista meteorolóxico o mes contou con tres tramos moi diferenciados. Os primeiros 11 días caracterizáronse polo predominio das altas presións, o que deixou un ambiente marcado pola estabilidade e temperaturas por riba das normais nesta época do ano. A continuación a comunidade viviu un período de borrascas que trouxeron chuvia e frío, e na última semana do mes volveu producirse un novo cambio na situación, cunha recuperación lixeira dos termómetros.

No seu conxunto, outubro rematou cunhas temperaturas medias 0,28 graos por riba dos valores do período de referencia, o que permitiu caracterizar o mes como lixeiramente cálido no seu conxunto aínda que lonxe, por exemplo, dos datos de 2017, cando a anomalía foi de 2,4 graos por riba do esperado. A esta situación contribuíron especialmente as temperaturas mínimas, xa que no conxunto de Galicia foron 0,76 graos superiores á media histórica.

Polo que respecta ás precipitacións, o mes pode considerarse no seu conxunto húmido aínda que ao facer a comparación cos rexistros pluviométricos do período 1981-2010 conclúese que só choveu un 18% máis do previsto nesta época do ano. Neste sentido, o informe de MeteoGalicia chama a atención na distribución desigual das chuvias, que se concentraron no período que seguiu ao día 11, coa excepción da última semana do mes, e tamén no contraste entre este outubro e os cinco anteriores, que foran secos e mesmo moi secos, como constatan os rexistros dos anos 2016 e 2017.

Máximas e mínimas por comarcasEn canto á situación por zonas, cómpre precisar que se ben en xeral as temperaturas estiveron lixeiramente por riba da media grazas sobre todo a que se rexistraron mínimas moi suaves, o comportamento dos termómetros non foi homoxéneo en toda a comunidade.

Así, as máximas máis baixas rexistráronse en zonas da montaña de Lugo e Ourense, con valores de 11 graos, mentres que a comarca do Ribeiro situouse no extremo oposto, chegando a rozar os 22 graos. No conxunto de Galicia o valor medio das temperaturas máximas en outubro foi de 17,6 graos.

En canto ás mínimas, a media do mes pasado situouse no conxunto da comunidade en 9,5 graos. Estes valores non chegaron aos 4 graos no caso da comarca ourensá da Limia e no macizo de Manzaneda, mentres que os rexistros máis baixos das temperaturas mínimas déronse en zonas de costa, principalmente nas comarcas de A Coruña e de Vigo, con valores próximos aos 15 graos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre