Inicio Galicia Galicia rexistra o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección...

Galicia rexistra o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil con 233 entidades activas

0

Suman preto de 4.600 voluntarios, distribuídos nas 4 provincias


Galicia vén de rexistrar o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ao acadar as 233 entidades activas logo da incorporación dos grupos de Campo Lameiro e Ribeira de Piquín. En total, suman preto de 4.600 voluntarios e están distribuídas polas catro provincias, con 74 na Coruña; 73 en Ourense; 43 en Lugo; e outras 43 en Pontevedra.

O sistema de Protección Civil botou andar nos anos 90 como un primeiro nivel de intervención e atención á poboación naqueles lugares onde non existían servizos profesionais. A partir de aí, foise creando unha ampla rede de agrupacións de voluntarios, que foi mellorando ao longo dos anos grazas á dotación de material e á formación dos seus membros.

Actualmente, co reforzamento do sistema de emerxencias, as AVPC céntranse especialmente en actividades de prevención, autoprotección, desenvolvemento de grandes eventos e apoio aos corpos profesionais na intervención directa. A súa colaboración é inestimable, en tanto son moitas veces as primeiras en chegar ante unha situación de urxencia. De feito, a Lei de Emerxencias de Galicia contempla que o sistema estará integrado tanto por persoal de carácter profesional como por voluntarios.

Leer más:  Los nuevos conselleiros prometen aportar "frescura e ilusión" y dedicación para lograr el progreso de Galicia

Co obxectivo de apoiar o traballo que desenvolven, a Xunta puxo en marcha durante os últimos anos distintas liñas de colaboración. Así, entre outras medidas, a Administración autonómica subvenciona os gastos de funcionamento e mantemento das agrupacións, tales como uniformes, aluguer da base, pagamento de seguros…

De feito, este mesmo mes de agosto publicouse a resolución das axudas para este ano por un importe de 340.000 euros.

A esta convocatoria súmase a achega de medios materiais de emerxencias, a través dunha liña de subvencións en especie para a dotación de vehículos, remolques ou equipos de excarceración. Este ano está previsto adquirir 15 vehículos todo terreo e 20 remolques de emerxencia por importe de preto de 870.000 euros.

En total, a Xunta executou desde 2015 máis de 9 millóns de euros para apoiar ás agrupacións de Protección Civil, a través dun programa cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A maiores da dotación de equipamento, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) ofrece formación aos voluntarios de Protección Civil, ben na súa sede da Estrada ou descentralizada nas provincias. A formación permite mellorar as habilidades dos participantes para poder intervir en distintos graos e de acordo coas necesidades na atención a accidentes e emerxencias. Así, ofrécense cursos en materia de incendios, salvamento e rescate, busca de persoas desaparecidas ou incidencias na circulación.

Leer más:  Durante el fin de semana en Galicia, el 061 atendió a 52 personas debido a 46 accidentes de tráfico

- Te recomendamos -