Inicio Galicia Galicia restrinxe a mobilidade entre as 23,00 h e as 06,00 h

Galicia restrinxe a mobilidade entre as 23,00 h e as 06,00 h

0

Así se decidiu tras a xuntanza do comité clínico, que descartou polo momento ampliar ou modificar as demais restricións vixentes actualmente en Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá en rolda de prensa que Galicia restrinxirá a mobilidade entre as once da noite e as seis da mañá, cumprindo deste xeito a normativa estatal. Segundo confirmou Comesaña, o comité clínico considerou que este horario é suficiente, tendo en conta que toda a Comunidade está cumprindo o nivel 2 de restricións desde hai unha semana e que se limitaron as xuntanzas a un número máximo de 5 persoas, coas consabidas excepcións en determinados concellos e comarcas.

Na súa comparecencia, na que estivo acompañado polo xerente do Sergas, José Flores, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro de Sanidade manifestou a súa preocupación pola evolución epidemiolóxica no concello de Lugo e nas comarcas de Ferrol, Pontevedra e Vigo, así como pola situación das comarcas de Santiago, Verín e O Carballiño. Tamén se referiu á situación nas comarcas de Ourense e Barbadás que a día de hoxe arroxan resultados estables.Á vista desta situación, Comesaña confirmou que, se ben na xuntanza de onte do comité clínico non se decidiron novas medidas a adoptar, non se desbota a posibilidade de que na reunión do venres haxa que tomar novas decisións restritivas en función de como vai respondendo a evolución da pandemia. Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, confirmou que se está a monitorizar continuamente a situación da covid-19 en Galicia, e que se esta empeora, o comité terá que actuar en consecuencia.

O titular da carteira sanitaria galega insistiu en reiteradas ocasións sobre a necesidade de cumprir as restricións e de tomalas moi en serio polo ben da conxunto da sociedade, lembrando que o virus segue moi activo. Agradeceu a toda a cidadanía que está a seguir as normas e fixo un chamamento para que todos os cidadáns se comprometan no cumprimento das restricións.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, confirmou que a capacidade asistencial está garantida e que calquera cidadán que necesite atención sanitaria tanto pola covid-19 como por calquera outra patoloxía estará atendido. Se ben continúa a aumentar a ocupación de camas nos hospitais, tanto en planta como en UCI, as cifras aínda están lonxe das dos peores momentos da pandemia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre