Inicio Galicia Galicia representa ao Comité Europeo das Rexións nun cumio sobre cooperación internacional...

Galicia representa ao Comité Europeo das Rexións nun cumio sobre cooperación internacional no eido pesqueiro

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou como o impulso da chamada Iniciativa de Nicosia do Comité Europeo das Rexións dá apoio a municipios libios


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou este martes na cidade italiana de Udine na conferencia “Accións piloto no sector pesqueiro para o desenvolvemento económico de Libia”, en representación do Presidente do Comité Europeo das Rexións (CDR). Gamallo relatou como a Iniciativa de Nicosia, un proxecto do CDR, está a canalizar o apoio ofrecido polas cidades e rexións europeas ata municipios libios co obxectivo de crear asociacións beneficiosas e sostibles e mellorar as condicións de vida dos cidadáns libios.

Na súa intervención, en representación do Comité Europeo das Rexións, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta recoñeceu o papel fundamental dos alcaldes libios que confiaron na oferta de cooperación e nos métodos de traballo ofertados por diferentes cidades e rexións da UE, ás que se uniu Galicia recentemente. Gamallo destacou que os traballos de cooperación aseguran os mellores servizos os cidadáns, ofrecéndolles una perspectiva de paz, estabilidade e desenvolvemento sostible en cooperación con socios europeos.

O director xeral puxo en valor, na súa intervención en Udine, o sector pesqueiro galego (que engloba a pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura), cuxa cifra de negocio supera a barreira dos 8.000 millóns de euros. Ademais da facturación directa, esta actividade estimula o funcionamento doutros moitos axentes económicos en Galicia. De feito, do sector pesqueiro galego dependen non só os máis de 21.700 mariñeiros, acuicultores e mariscadores que faenan habitualmente, senón tamén traballadores de actividades como a industria conserveira, a hostalería ou o comercio. Estímase que por cada emprego no mar créanse arredor de catro empregos máis en terra. Isto leva a Galicia a achegar máis do 50% do emprego marítimo–pesqueiro de España e o 10% da Unión Europea.

Galicia, a través da fundación Cetmar e de Cooperación Galega, conta cunha ampla actividade e cunha dilatada traxectoria e experiencia en cooperación no eido da pesca, actuando en máis de trinta países de África e América Latina, onde desenvolve máis de 150 proxectos e servizos, fundamentalmente destinados a apoiar a pesca artesanal e a impulsar a investigación pesqueira. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre