Inicio Galicia Galicia repoboará con especies autóctonas preto de 170.000 metros cadrados de superficie...

Galicia repoboará con especies autóctonas preto de 170.000 metros cadrados de superficie de bancos marisqueiros

0

Estes traballos enmárcanse nas iniciativas incluídas na primeira resolución de axudas deste ano a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, con 680.000 euros en achegas


A Consellería do Mar subvenciona a repoboación de preto de 170.000 metros cadrados de superficie para o marisqueo con especies autóctonas ao abeiro da convocatoria de axudas de 2019 a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños nas anualidades 2019 e 2020. Así o destacou hoxe a conselleira do Mar na súa visita á praia de Rodeira, onde a Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo acometeu un proxecto para descompactar 30.000 metros cadrados de substrato e sementar 4,5 millóns de unidades de ameixa babosa no marco da convocatoria de 2018.

Precisamente, esta asociación é unha das beneficiarias de novos proxectos de repoboación na convocatoria deste ano, que serán desenvolvidos tamén por 8 confrarías en bancos das súas respectivas zonas e nos que se empregarán case 20 millóns de unidades de semente de ameixa tanto babosa como fina.

Estes traballos enmárcanse na primeira resolución da convocatoria de achegas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que publicou recentemente o Diario Oficial de Galicia e que supón o reparto de máis de 680.000 euros entre os proxectos beneficiarios. A convocatoria deste ano é aberta, lembrou a titular de Mar, polo que animou ao sector a presentar “cantas máis iniciativas mellor” pois haberá unha segunda resolución coas solicitudes presentadas ata o próximo 1 de setembro.

As entidades que se beneficiarán destas sementeiras de ameixa son as confrarías de Pontedeume, Camariñas, A Illa de Arousa, Cambados, Vigo, O Grove, Redondela e a Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo. Trátase de actuacións que forman parte dos proxectos colectivos que subvenciona a Consellería do Mar para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Ademais dos proxectos que prevén a repoboación de especies autóctonas, detallou a titular de Mar, nesta resolución tamén se inclúen traballos como a remoción de substrato ou o aporte de áridos para promover a reprodución de organismos mariños, co que as actuacións de rexeneración afectarán a un total de máis de 365.000 metros cadrados de superficie.

En total, ao abeiro da convocatoria de 2019 destas achegas, a Consellería do Mar aprobou 19 proxectos colectivos para recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro. Delas benefícianse 13 entidades, a maioría confrarías de pescadores, igual que ocorreu en anos anteriores.

Estes proxectos redundan na ampliación das zonas de traballo do sector marisqueiro e na mellora da xestión e conservación dos recursos. Tamén permiten ás entidades do sector conservar o estado das especies e a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras. Ao mesmo tempo, contribúen a impulsar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia desde unha perspectiva medioambiental e socialmente responsable.

A convocatoria deste ano é aberta, polo que as solicitudes de axudas pódense presentar ao longo do período do programa operativo do FEMP, ata o 1 de marzo de 2020. A primeira resolución correspóndese cos proxectos presentados ata o pasado 1 de marzo, pero farase unha segunda resolución coas presentadas ata o 1 de setembro e as recibidas a partir do 2 de setembro quedarán para a seguinte convocatoria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre