Inicio Galicia Galicia renova e reforza o apoio á frota pesqueira europea na defensa...

Galicia renova e reforza o apoio á frota pesqueira europea na defensa dos seus intereses ante a negociación de saída do Reino Unido da Unión Europea

0

O titular do Executivo galego volve a ser, ao igual que en 2017, o primeiro mandatario dunha rexión pesqueira europea en poñer a súa firma nun documento ao que se irán incorporando outros responsables de rexións e cidades europeas con intereses no eido pesqueiro


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe a segunda Declaración das comunidades europeas de pesca sobre o futuro do sector pesqueiro en Europa despois do brexit co obxectivo de renovar e reforzar o apoio de Galicia á frota pesqueira galega e europea na defensa dos seus intereses ante a incerteza actual na negociación do proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea. O titular do Executivo galego volve ser así -ao igual que ocorreu en outubro de 2017 coa coñecida como primeira declaración de Santiago- o primeiro mandatario dunha rexión pesqueira europea en poñer a súa firma nun documento ao que se irán incorporando outros responsables de rexións e cidades europeas con intereses no eido pesqueiro.

O acto de sinatura desta segunda declaración, ao que asistiron de xeito presencial a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente da Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallao (Agarba) e representante da Alianza Pesqueira Europea (EUFA), Iván López, así como outros membros da organización e de asociacións pesqueiras galegas mediante videoconferencia, supón dar un novo pulo á reivindicación da importancia do sector pesqueiro na negociación do brexit, como xa se fixo en 2017, para que sexa prioritario nas negociacións entre as autoridades europeas e británicas. Deste xeito, Galicia responde á demanda do seu sector pesqueiro de renovación da alianza e unidade de acción ante unhas negociacións que van xa pola cuarta rolda sen que ata o momento se producisen avances.

O presidente do Goberno galego lembrou que a declaración asinada hai pouco menos de tres anos contou con 400 apoios de comunidades, rexións e cidades europeas e animou a reforzar ese compromiso para lograr que a pesca siga sendo un elemento clave na negociación do brexit dada a importancia que ten para as comunidades costeiras. Por iso, trasladou o apoio de Galicia ao sector marítimo-pesqueiro europeo, a todas as comunidades pesqueiras europeas, ao comisionado europeo para a negociación do brexit, Michel Barnier, e a todos os Estados membros con intereses neste eido.“Hoxe renovamos ese apoio que tamén recibimos porque é de ida e volta. Galicia tamén necesita todos os apoios porque se xoga moito. Queremos seguir pescando en caladoiros nos que estamos desde hai décadas e queremos seguir comerciando con mercados onde sempre atopamos socios seguros e fiables”, salientou o titular da Xunta durante a sinatura. Ademais lembrou que Galicia aporta o 10% do emprego marítimo-pesqueiro da Unión Europea, o 11% das descargas de pesca fresca e é líder europea na produción de conservas.

Por iso, esta segunda declaración de Santiago apela ao comisionado europeo para a negociación do brexit, Michel Barnier, ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel, e aos xefes de Estado e Goberno dos Vintesete co obxectivo de que realicen as xestións necesarias para garantir o futuro social e económico das comunidades pesqueiras e da súa industria mediante un acordo co Reino Unido a longo prazo que faga xustiza ás comunidades pesqueiras e ás súas xentes.

Impacto do brexitNeste sentido, Galicia defende que a negociación do futuro acordo pesqueiro entre a UE e o Reino Unido sexa considerado un asunto prioritario dada a importancia que o complexo mar-industria ten para o conxunto da comunidade e de Europa. Só en Galicia o brexit afecta a arredor dun cento de buques ou propiedade de armadores galegos que faenan en augas do Reino Unido e que dan emprego a máis de 1.700 tripulantes.

Ante este escenario, a Administración autonómica e o sector pesqueiro galego apostan por un acordo pesqueiro que manteña o statu quo, a igualdade de condicións entre as partes -ou level playing field- e que estea condicionado ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado. Trátase da mesma solución que defende o último informe encargado polo Executivo galego ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre As relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tralo brexit, que advirte de que a ausencia de acordo dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas partes por trabas administrativas, arancelarias e sanitarias.

A chave do pacto, salienta o cuarto informe elaborado para a Xunta pola entidade dirixida polo profesor José Manuel Sobrino, é que reflicta o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e ao mercado posto que o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e da entrada dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da Unión Europea.

Neste sentido, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia é a rexión que máis informes e estudos realizou sobre o brexit e o seu impacto no sector pesqueiro, ao tempo que promoveu actos coa Alianza Pesqueira Europea, encontros e foros con rexións marítimas do Atlántico, declaracións como esta asinadas en Santiago ou o memorando de entendemento co País de Gales.

A conselleira do Mar, pola súa banda, agradeceu ao sector, á EUFA e ao presidente da Xunta o seu traballo na defensa da pesca galega e co obxectivo de que o brexit sexa unha oportunidade e non un risco mediante unha acción conxunta de todas as organizacións do sector e das comunidades pesqueiras europeas.

Xuntanzas co sectorA sinatura da segunda declaración de Santiago na defensa do sector pesqueiro ante o brexit é o resultado de varias reunións mantidas nas últimas semanas pola Consellería do Mar con distintas organizacións galegas e coa Alianza Pesqueira Europea para analizar a incerteza actual do proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea. A estes encontros sumouse ademais o envío de sendas cartas ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, para demandar que a negociación da área de pesca no brexit sexa levada ao máis alto nivel.Á sinatura do documento en favor das comunidades pesqueiras asistiron de xeito presencial ou por vía telemática representantes da EUFA e de entidades pesqueiras como as federacións galega e nacional de confrarías de pescadores, a Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallao (Agarba), Puerto de Celeiro, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Armadores de Burela SA (ABSA), Pescagalicia, Arpega-O Barco e a Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI).  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre