Inicio Galicia Galicia recela da resposta de Transición Ecolóxica sobre Costas ao atribuír incorrectamente...

Galicia recela da resposta de Transición Ecolóxica sobre Costas ao atribuír incorrectamente competencias estatais ao Goberno galego e non rexeitar a modificación do regulamento

0

A resposta á carta enviada por tres conselleiros da Xunta o 5 de decembro do ano pasado foi recibida este mesmo mediodía polo departamento de Medio Ambiente por correo ordinario e despois de que o Goberno central fixese público o seu contido a través dun medio de comunicación sen que os membros do Executivo galego tivesen coñecemento dela

A Xunta de Galicia recela da resposta recibida por parte da Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico do Goberno do Estado sobre a modificación do regulamento xeral de Costas pois nela atribúense incorrectamente competencias estatais ao Executivo galego e tampouco se rexeita definitivamente a modificación desta normativa, que poría en risco a actividade de numerosas empresas do complexo mar-industria de Galicia, entre conserveiras, cocedoiros ou depuradoras.

O Goberno autonómico -concretamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- recibiu este mediodía por correo ordinario a misiva do Executivo central na que dá resposta a unha carta enviada por tres conselleiros da Xunta o pasado 5 de decembro onde lle transmitían a súa preocupación por unha reforma lexislativa que poñía en risco a viabilidade de máis dun cento de empresas en Galicia, entre elas a dunha firma de Boiro con máis de 130 traballadores.

Esta resposta foi recibida este mediodía despois de que o Goberno do Estado fixese público o seu contido a través dun medio de comunicación e sen que tivese coñecemento da súa existencia ningún membro do Executivo galego, algo que a Xunta considera unha tomadura de pelo ás galegas e galegos. A Administración galega entende que se trata dunha grave falla de lealdade institucional tras case dous meses agardando as aclaracións da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, sobre a resolución que compromete o futuro desa empresa de Boiro.

Non obstante, lonxe de disipar os temores sobre o futuro da cadea mar-industria de Galicia, a carta enviada pola Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico insiste en que o Estado mantén abertamente a intención de reformar a lexislación sen desbotar en absoluto a idea de retomar a súa tramitación en calquera momento.

Esta situación preocupa ao Executivo galego pois ve ademais como o Estado está a aplicar xa de xeito hiperrestritivo o regulamento en vigor, malia que non se ten producido aínda a modificación na que veu traballando polo menos ata outubro de 2019, cando o Goberno central mantivo reunións de grupos de traballo con distintos colectivos para abordar esta reforma da normativa que rexe na zona de dominio público marítimo-terrestre. Froito deste escenario, algunhas empresas xa viron como a renovación das súas prórrogas se producía por un tempo inferior a un ano.

Esta situación deixa entrever a tendencia cara a falla de estabilidade e falla de seguridade xurídica iniciada polo Goberno estatal neste eido. De feito, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa mostrou onte as súas dúbidas de que o Goberno socialista teña a intención de dar seguridade xurídica ao sector pois, lembrou, na anterior modificación da lei de Costas, o PSOE -que estaba na oposición- levou ante o Tribunal Constitucional precisamente a modificación da duración das prórrogas de ocupación da zona de dominio público marítimo-terrestre, en contra da seguridade xurídica das empresas instaladas nela. A Xunta lembra que a proposta de modificación do regulamento xeral de Costas, da que Galicia viña advertindo desde abril do ano pasado, poñía en risco como mínimo a máis dun cento de empresas do complexo mar-industria galego, como depuradoras, cetáreas, cocedoiros ou fábricas de conservas, o que se traduciría nun freo para todo o sector marítimo-pesqueiro da comunidade. Os cambios provocarían tamén inseguridade xurídica noutras máis de 5.000 edificacións repartidas por todo o litoral de Galicia como colexios, estacións depuradoras de augas residuais ou centros de saúde.

Por iso, a Xunta solicita que se garanta ao máximo o principio de seguridade xurídica e que os distintos operadores afectados non queden expostos a decisións arbitrarias e cambios de criterio en función do Goberno de turno e que inciden na súa actividade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre