Inicio Galicia Galicia promove a colaboración entre os investigadores e o sector para a...

Galicia promove a colaboración entre os investigadores e o sector para a defensa do mar e dos seus profesionais

0

A Xunta busca que as confrarías coñezan de primeira man o potencial investigador da comunidade autónoma galega no eido mariño e impulsar vías de cooperación

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Ferrol a importancia de tender pontes entre os profesionais do sector e os investigadores en beneficio do mar de Galicia. Nesta liña subliñou que a Xunta sempre apostou e aposta polo traballo conxunto e a transferencia de coñecemento entre ambas partes para a defensa dos intereses marítimo-pesqueiros.

Así o sinalou durante a visita realizada cos presidentes das federacións de confrarías galegas ás instalacións da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, na que tamén estivo a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Unha visita, explicou a titular de Mar, coa que o Executivo autonómico busca que as confrarías coñezan de primeira man o potencial investigador que alberga Galicia e que se reflicte en centros coma esta institución científica dependente da Universidade de Santiago de Compostela.

Deste xeito, engadiu Rosa Quintana, tamén queremos fomentar vías de colaboración entre ambas partes dentro das accións que desenvolve cada unha. Dentro das que realizan as confrarías de pescadores, Rosa Quintana destacou as que contan co apoio da Consellería do Mar a través dunha colaboración que se asina anualmente, entre elas a organización de cursos e xornadas temáticas de interese para o sector.

No caso da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, a conselleira salientou o seu labor de investigación mariña e asesoramento científico neste eido. Un labor, especificou, para o que conta con importantes instalacións e medios como dous laboratorios de investigación, un laboratorio docente, unha sala de mergullo e tres embarcacións para a realización de mostraxes relacionadas coa bioloxía mariña, entre outros.

Ademais a titular de Mar puxo como exemplo de colaboración entre os profesionais do mar e os investigadores para acadar froitos os proxectos como o europeo CleanAtlantic. Esta iniciativa ten como obxectivo global mellorar as capacidades de previr, monitorizar e reducir o lixo mariño a través da cooperación rexional. Nela participan o Centro Tencolóxico do Mar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, dependentes da Consellería do Mar, e conta coa implicación do sector en accións como a retirada de lixo mariño.

Exemplos coma este, incidiu Rosa Quintana, amosan a importancia de impulsar na actividade a tripla hélice do sector pesqueiro, a ciencia e a administración pública e de traballar en común con rumbo cara a cogobernanza e a aprendizaxe, sempre pensando no ben do noso sector.

Estación de Bioloxía Mariña da GrañaA Estación de Bioloxía Mariña da Graña é unha institución científica da Universidade de Santiago de Compostela que ten entre os seus obxectivos fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña, asesorar e difundir os temas relacionados coa fauna e flora mariñas e propiciar o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras Universidades e Institucións Científicas de España e doutros países.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre