Inicio Galicia Galicia preséntase como unha das rexións pioneiras en Europa no uso de...

Galicia preséntase como unha das rexións pioneiras en Europa no uso de tecnoloxías para o control das axudas da PAC

0

Trátase dun proxecto novidoso na nosa comunidade que se desenvolverá por primeira vez no concello pontevedrés de Forcarei, podendo estenderse ao resto do territorio dependendo dos resultados acadados


Por primeira vez, Galicia preséntase como unha das rexións pioneiras en Europa -e a única comunidade autónoma da cornixa cantábrica- no emprego das novas tecnoloxías para a simplificación dos controis relativos ás axudas da Política Agraria Común (PAC). Así, a Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), e en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vai substituír os controis tradicionais sobre o terreo pola monitorización das superficies declaradas para pago básico. Na campaña deste ano 2019, comezarase no concello pontevedrés de Forcarei e, dependendo dos resultados acadados, irase ampliando ao resto do territorio galego nas vindeiras convocatorias destas achegas. A monitorización da PAC consiste na observación periódica e sistemática da superficie agraria, baseada fundamentalmente na utilización das imaxes obtidas cada poucos días dos satélites Sentinel do programa Copernicus. No ámbito das axudas da PAC, a alta frecuencia e resolución destas imaxes, xunto co emprego doutras tecnoloxías innovadoras a través da iniciativa Primare-Inspeccións Intelixentes Avanzadas como os drons, as fotos xeoetiquetadas ou a intelixencia artificial, fan posible a comprobación automática das condicións de admisibilidade da superficie do 100% das explotacións. Desta forma, simplifícase a xestión administrativa e redúcense os custos de control ao eliminar as visitas a campo. Este novo sistema de control realiza un seguimento de toda a superficie declarada polos agricultores para as axudas da PAC e permite un enfoque claramente preventivo que incluirá unha maior comunicación cos solicitantes destas achegas. Neste sentido, o Fogga comunicará individualmente este novo sistema de control a todos os beneficiarios da campaña 2019 do concello de Forcarei que teñan superficie baixo monitorización, así como das posibles incidencias detectadas para que se modifique a solicitude co fin de evitar penalizacións e doutras necesidades para o desenvolvemento deste novo sistema de control (enquisas, documentos, fotos, etc.). Cabe sinalar que este proxecto desenvolveuse coa colaboración do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, e será supervisado pola propia Comisión Europea, como sistema de control oficial para a campaña 2019.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre