Inicio Galicia Galicia presenta a súa estratexia de economía circular durante o primeiro encontro...

Galicia presenta a súa estratexia de economía circular durante o primeiro encontro nacional sobre a materia en Santander

0

Esta xornada, de carácter técnico e organizada polo EIT Climate-KIC Spain, pretende recompilar e aliñar todas as iniciativas e documentos que se están a desenvolver a nivel nacional para lograr un cambio no modelo produtivo lineal

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC), participou hoxe nunha xornada de traballo organizada en Santander polo EIT CLIMATE-KIC SPAIN –o Centro Español de Innovación en Cambio Climático- co fin de analizar as iniciativas e actividades que se están a desenvolver para concienciar sobre a importancia que ten a incorporación da economía circular no cambio de modelo produtivo cara a un máis sustentable, tanto a nivel europeo, nacional, rexional como tamén local.

Durante este Primeiro Encontro Nacional de Estratexias en Economía Circular, que se desenvolveu dun xeito participativo e interactivo, técnicos da DXCACC tiveron a oportunidade de dar a coñecer a Estratexia Galega de Economía Circular (EGEC) 2020-2030, un documento que marcará as pautas a seguir a medio prazo pola Xunta de cara a transformar o actual modelo económico lineal e abrir novas liñas de traballo innovadoras.

O formato interactivo da xornada permitiu identificar os elementos críticos para financiar correctamente actividades de investigación e innovación na economía circular. Todas as conclusións que se saquen da xornada plasmaranse posteriormente nun informe final que trasladará as múltiples visións, prioridades e preocupacións das distintas localidades e municipios do ámbito nacional, co obxectivo de aliñar as distintas estratexias existentes ou en elaboración en toda a xeografía española. Así mesmo, tamén se trasladarán como achega á Strategic Research and Innovation Axenda da Unión Europea.

Cómpre lembrar que o Goberno autonómico vén de finalizar a fase de exposición pública da EGEC 2020-2030, que pretende previr o esgotamento dos recursos, pechar os ciclos da enerxía e dos materiais e facilitar o desenvolvemento sustentable e así converter a Galicia nun referente no proceso de cambio do modelo de produción.

Nesta Estratexia establécense oito eixos de actuación que parten dunha diagnose onde se reflicten as condicións socioeconómicas galegas e o seu estado de situación no reto de implantar a economía circular. Para cada eixo elaboráronse propostas nas que participaron diferentes axentes, administracións públicas, empresas e cidadáns, entre outros, co fin de acadar impactos positivos en recursos como a auga, o aire, a enerxía, os alimentos, o solo, ou os residuos, atendendo ás necesidades específicas galegas.

Precisamente, a Xunta ten programado para este outono todo un calendario de eventos e reunións de carácter sectorial co fin de dar a coñecer, difundir e impulsar a que será a súa folla de ruta en materia de economía circular. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre