Inicio Galicia Galicia prepara un calendario de eventos para dar a coñecer este outono...

Galicia prepara un calendario de eventos para dar a coñecer este outono a Estratexia de Economía Circular 2019-2030

0

A Consellería está a ultimar un Pacto pola Economía Circular co tecido empresarial galego para promover un cambio no modelo económico lineal, un acto coas tres universidades, que participaron na redacción do documento, e unha xornada monográfica en colaboración co Grupo de Crecemento Verde de España


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lanzará este outono un calendario de eventos co fin de dar a coñecer e impulsar a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 (EGEC), que ata o vindeiro 2 de setembro estará en fase de participación pública co fin de enriquecer o texto orixinal coas posibles achegas e alegacións que se reciban.

A axenda de eventos e reunións prevista para os vindeiros meses arrincará a comezos do outono coa sinatura dun Pacto pola Economía Circular con representantes do tecido empresarial galego co que se escenificará a necesidade de establecer unha colaboración público-privada se se quere romper e mudar o actual modelo produtivo e social.

Así mesmo, de cara ao mes de outubro estase a traballar xa na organización dun evento coas tres universidades galegas, cuxa participación na elaboración da EGEC nos últimos meses foi clave á hora de establecer as grandes liñas a seguir nesta materia.

Por último, a finais de ano a Xunta organizará unha Xornada de Economía Circular na que contará coa participación do Grupo de Crecemento Verde de España, creado para fomentar a colaboración público-privada e avanzar conxuntamente nos principais retos ambientais aos que se enfronta a sociedade actual, como a mitigación e adaptación ao cambio climático, a descarbonización da economía e, por suposto, o fomento dunha economía circular.

Todos estes eventos permitirán seguir dando a coñecer a EGEC e sumar apoios aos seus obxectivos unha vez pechado o proceso de participación pública, que se iniciou o pasado 2 de agosto coa publicación do documento no Portal de Transparencia da Xunta e a apertura, en paralelo, do trámite de audiencia a determinadas entidades, sectores e institucións cun interese especial na Estratexia.

Eixos de actuación e propostasA Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030 nace como un instrumento de planificación que marcará a medio prazo as liñas a seguir para poder materializar a aposta da Xunta por un cambio do modelo produtivo e social galego que permita substituír o actual sistema lineal por outro circular.

O documento establece oito eixos de actuación que parten dunha diagnose onde se reflicten as condicións socioeconómicas galegas e o seu estado de situación no reto de implantar a economía circular. Para cada eixo elaboráronse propostas nas que participaron diferentes axentes, administracións públicas, empresas e cidadáns, entre outros, co fin de acadar impactos positivos en recursos como a auga, o aire, a enerxía, os alimentos, o solo, ou os residuos, atendendo ás necesidades específicas galegas.

Coa consecución destas propostas, propiciaríase o ansiado cambio a un novo modelo económico, onde o valor dos produtos e compoñentes mantense o maior tempo dentro da economía o que proporciona unha vantaxe competitiva con respecto aos modelos lineais e unha nova fonte de emprego innovador e especializado.

Entre as propostas de traballo que inclúe a EGEC destacan a aposta polo ecodeseño, a simbiose industrial, a redución do desperdicio alimentario e a redución do uso e a mellora da xestión do plástico, entre outros.

O desenvolvemento da Estratexia Galega de Economía Circular, segundo as estimacións que se manexan nestes momentos, fará necesario mobilizar 887.437.000 euros durante os seus 10 anos de vixencia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre