Inicio Galicia Galicia pon en marcha en Rozas a Torre de Control máis avanzada...

Galicia pon en marcha en Rozas a Torre de Control máis avanzada tecnoloxicamente de España e aspira a converterse nun centro de referencia en Europa na certificación de avións non tripulados

0

Tras a rehabilitación e dotación de equipamento, a Torre completa o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que coa posta en marcha da Torre de Control de Rozas, a máis avanzada tecnoloxicamente de España, o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) aspira a converterse nun organismo de referencia en Europa para a certificación de avións non tripulados.

Durante o acto de inauguración, Feijóo subliñou que nesta infraestrutura, cuxo coste ascende a preto de 5 millóns de euros -1,57 millóns licitados a través da compra pública innovadora-, conflúen tres aspectos básicos imprescindibles para o desenvolvemento das operacións: seguridade, instrumentación e supervisión da operación, completando o CIAR que conta cunha área de 313 hectáreas, cunha pista de 1.200 metros de longo e 45 de largo e cun hangar de 40×40 metros.

Deste xeito, e grazas ás infraestruturas desenvoltas, Rozas ofrecerá un servizo integral innovador e completo para a realización de ensaios de plataformas aéreas. Non en van, a tecnoloxía implementada permitirá ofrecer ás empresas servizos de alta cualificación como un centro de seguridade e control de voo.

Ao longo da visita, o presidente da Xunta aseverou que con esta torre de control dáse un novo pulo a un sector aeroespacial que no último ano medrou un 8% e que hoxe está formado por 40 empresas e máis de 1.200 profesionais. “E o noso compromiso é seguir apoiando este polo aeroespacial con máis de 15 millóns incluídos nos orzamentos do vindeiro ano”, confirmou, co obxectivo de seguir impulsando o crecemento económico de Galicia a través dun sector cun elevado grao tecnolóxico, atraer investimento á Comunidade e crear emprego especializado.

Como proba deste compromiso, Feijóo lembrou que as administracións –o Goberno galego, ademais do Ministerio de Ciencia e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial- xunto a máis de 50 empresas e centros de coñecemento están a desenvolver máis de 35 proxectos. As empresas tractoras de primeiro nivel –Indra, Babcock e Boeing- achegan máis de 75 millóns e do orzamento total que ascende a 165 millóns, máis de 96 millóns xa están executados; e máis de 382 persoas traballan nesta iniciativa, baixo a previsión de que haxa 500 traballadores altamente cualificados traballando.

Avances concretos En relación aos avances concretos, o responsable do Goberno galego referiuse a fitos como o avión Targus de Indra e a dous helicópteros non tripulados –Lua e Lumes- de Babcock; á primeira embarcación marítima non tripulada que está en proceso de autorización pola Mariña Mercante e que está desenvolvendo Indra e a Universidade de Vigo; ao dispositivo Lifeseeker, creado por Centum para a localización de persoas desaparecidas e que poderá empregarse en plataformas aéreas; á creación do primeiro banco de motores de drons no CTAG, no que se ensaiaron os motores do Lua; e ao programa de Boeing que achegará solucións para o impulso definitivo dos drons permitindo compatibilizar o tráfico aéreo tripulado e o non tripulado.

Así mesmo, Feijóo subliñou que a nova Torre de Control enmárcase dentro do Programa de infraestruturas da Civil UAVs Initiative, que contén a maiores outros programas como: o Programa de I+D, dotado con 115 millóns para desenvolver 22 proxectos polos socios tecnolóxicos; o Programa Solucións, para incorporar solucións baseadas en vehículos non tripulados á xestión pública nun prazo máximo de dous anos para dar resposta a retos como a xestión forestal ou a saúde cardiovascular no Camiño; o Programa Emprendemento e Talento, coa creación dunha aceleradora sectorial, a Business Factory Aero, para promover a atracción, nacemento e desenvolvemento de pequenas e medianas empresas; ou o Programa de vocacións científico-tecnolóxicas, dirixido a promover a vocación dos máis novos, a través da Aula Newton, impulsada por Boeing.

O presidente da Xunta concluíu recordando que Galicia lidera a utilización da compra pública innovadora para fomentar a innovación a través da contratación pública de bens e servizos que permitan mellorar a atención aos cidadáns. De feito, no período 2014-2020 a Comunidade segue en condicións de liderar este proceso con 110 millóns en execución.

Como exemplo, referiuse ao Simulador U-Space, que aportará solucións aos retos de seguridade identificados na elaboración da regulación deste sector co que se contribúe á eliminación das barreiras de acceso ao espazo aéreo dos vehículos non tripulados. Un proxecto que está en execución.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre