Inicio Galicia Galicia pon a proba os medios de loita contra a contaminación mariña...

Galicia pon a proba os medios de loita contra a contaminación mariña cun despregue de equipamentos na ría de Pontevedra

0
image_gallery.jpg

O exercicio consistiu na simulación da perda de dous bidóns con carga química por parte dun mercante así como as actuacións correspondentes para atopalos, comprobar o seu estado e trasladalos a terra para a súa descarga e tratamento


Efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependentes da Consellería do Mar, realizaron esta mañá na ría de Pontevedra un simulacro de vertido dunha substancia nociva e potencialmente perigosa (SNP) co obxectivo de poñer a proba os medios e os exercicios de despregue deseñados para a loita contra a contaminación mariña na comunidade autónoma.

O simulacro consistiu na presunta perda de dous bidóns con carga perigosa por parte dun mercante que estaba en ruta cara ao porto de Marín, o que obrigou a activar o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal). A partir dese momento activáronse os medios dispoñibles coa finalidade de localizar os dous bidóns -mediante a predición da súa deriva-, comprobar o seu estado e trasladalos a unha base en terra para a súa descarga e tratamento.

O exercicio pretende poñer a proba a loita contra a contaminación por produtos químicos mediante o uso de equipamentos de defensa nuclear, radiolóxica, biolóxica e química (NRBQ), verificar a capacidade de despregue e tempos de resposta das distintas unidades que interveñen e avaliar a eficacia dos medios técnicos empregados. O operativo tamén permitiu comprobar o funcionamento das ferramentas web de xestión da información desenvolvidas polo Intecmar no marco do proxecto europeo MyCOAST.

A xestión da suposta emerxencia, que foi dirixida polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, realizouse a bordo do buque Irmáns García Nodal e nela empregáronse tanto as embarcacións auxiliares deste barco como dous tanques de combustible, un equipo de protección NRBQ, un equipamento de descontaminación e distintos traxes de protección para actuar ante episodios de contaminación mariña.

Este tipo de exercicios permiten manter os efectivos preparados para posibles intervencións derivadas da activación do Plan Camgal e comprobar a súa eficacia así como o funcionamento dos equipamentos técnicos e humanos de resposta a posibles vertidos contaminantes no litoral galego. A finalidade é reforzar, avaliar a coordinación e adestrar aos participantes implicados na loita contra a contaminación mariña ao tempo que se analizan as ferramentas e coñecementos adquiridos neste eido para estar o mellor preparados posible de cara a actuar en caso de que se produza un episodio real destas características.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre