Inicio Galicia Galicia pide ao ministro de Cultura a convocatoria dun Consejo Jacobeo extraordinario...

Galicia pide ao ministro de Cultura a convocatoria dun Consejo Jacobeo extraordinario para abordar a situación do Camiño

0

Román Rodríguez remitiulle unha carta a José Manuel Rodríguez Uribes na que solicita un encontro telemático coa presenza das autonomías implicadas


Galicia vén de solicitar ao Goberno central a convocatoria dun Consejo Jacobeo extraordinario para abordar o impacto da crise do coronavirus no Camiño de Santiago. Así llo trasladou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, ao ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, a través dunha carta na que o representante da Xunta subliña a necesidade de reunir de xeito telemático a este órgano de coordinación entre o Executivo central e as autonomías polas que pasa a Ruta Xacobea.

Tras escoitar as demandas das asociacións de amigos do Camiño en Galicia, Román Rodríguez solicita ao ministro de Cultura e Deporte axilizar esta convocatoria para analizar de xeito conxunto as medidas que permitan minimizar as consecuencias da actual crise sanitaria nos distintos itinerarios. Lembrou que, ademais da dimensión cultural e histórica, o Camiño de Santiago ten un enorme impacto nas economías dos territorios polos que transcorre, de xeito especial ao sector turístico e as industrias creativas, polo que a situación afecta a numerosos traballadores, autónomos e pequenos e medianos empresarios.

Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo da Xunta incidiu na importancia de poñer en marcha medidas transversais unha vez se levanten as restricións derivadas do estado de alarma. Ademais, resaltou que, malia que Galicia é a meta e conta con 1.500 quilómetros, o Camiño de Santiago é un fenómeno con repercusión na maioría das comunidades autónomas e que representa os valores da Marca España en todo o mundo.

Precisamente, o conselleiro destacou a importancia do próximo Xacobeo 2021 por entender que pode actuar como motor e estímulo económico das industrias culturais e turísticas da nosa Comunidade e do conxunto do país, para o que se precisa do apoio estatal.

Traslado das demandas do sector culturalRomán Rodríguez aproveitará a próxima xuntanza da Comisión Sectorial de Cultura para reiterarlle esta solicitude a José Manuel Rodríguez Uribes, así como para trasladarlle as necesidades e demandas dos distintos axentes do sector cultural da nosa Comunidade, unha vez recollidas as súas achegas nos encontros mantidos nas últimas semanas.

Nesa xuntanza, que se celebrará o próximo xoves de xeito telemático, o responsable de Cultura e Turismo do Goberno galego reclamará medidas específicas neste eido e que se teña en conta a súa importancia económica, pero tamén social e as súas implicacións. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre