Inicio Galicia Galicia participa nun estudo da Comisión Europea que constata que a Planificación...

Galicia participa nun estudo da Comisión Europea que constata que a Planificación Espacial Mariña aumenta a seguridade xurídica no uso do espazo oceánico

0

O Centro Tecnolóxico do Mar avaliou xunto a Universidade de Vigo, Cogea, Poseidón e Seascape Belgium, os beneficios que implica o desenvolvemento de plans espaciais marítimos para sectores específicos da economía azul


Expertos do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, participaron xunto a outras entidades europeas na elaboración dun estudo para avaliar como a Planificación Espacial Mariña (MSP polas súas siglas en inglés) beneficia a sectores específicos da economía azul. Este estudo da Comisión Europea reflicte que a MSP aumenta a estabilidade e a seguridade xurídica no uso do espazo oceánico, aspectos que contribúen á economía azul.

En concreto, os investigadores de Cetmar e dos seus socios nesta iniciativa –Universidade de Vigo, Cogea, Poseidón e Seascape Belgium- constataron como nalgúns países a Planificación Espacial Mariña creou certeza legal respecto das condicións e procedementos a cumprir, acelerando en consecuencia as inversións.

Para iso os investigadores exploraron a evidencia dos efectos derivados do estado actual da implantación da Planificación Espacial Mariña cun enfoque particular nos seus efectos económicos. Deste xeito, o estudo busca proporcionar aos Estados membros da Unión Europea información adicional sobre os beneficios derivados desta medida.

Para cumprir eses obxectivos desenvolvéronse cinco estudos de caso (Bélxica, Alemaña, Reino Unido, Noruega e Estados Unidos) coa finalidade de determinar o impacto da MSP na economía en xeral e na economía azul en particular, concluíndo que, cando se implanta de xeito correcto, esta planificación pode xerar beneficios económicos tanxibles en termos de valor agregado e emprego. O estudo elaborado por Cetmar e os seus socios de proxecto tamén conclúe que a planificación, a consulta e a negociación son esenciais e facilitan con seguridade xurídica a convivencia entre sectores tradicionais e sectores emerxentes.

Ademais reflicte que a MSP actúa como catalizador de novos desenvolvementos económicos e que supón un marco claro de cara a regular o uso do espazo oceánico, unha planificación máis importante se cabe ante os cambios políticos consecuencia do Acordo Verde Europeo, anunciado pola Comisión Europea en decembro de 2019. Este acordo é unha folla de ruta para facer sustentable a economía da UE que impulsa o uso eficiente dos recursos a través dunha economía limpa e circular, a recuperación da biodiversidade e a redución da contaminación.

Directiva MSPO Consello Europeo e o Parlamento Europeo adoptaron a Directiva MSP no ano 2014 co obxectivo de proporcionar un marco común no que os Estados membros da UE deben desenvolver plans espaciais marítimos. Esta directiva exixe a súa transposición á lexislación nacional de cada país, a cooperación transfronteiriza e o establecemento dos seus plans en marzo de 2021. O seu obxectivo é evitar que as actividades económicas compitan entre si polo espazo marítimo, maximizando os beneficios potenciais da economía azul na súa totalidade, ao distribuír e optimizar o espazo de forma que todos os usos se realicen de maneira produtiva, compatible e sustentable.

Tendo en conta a proximidade da data para o establecemento dos plans, a Comisión Europea tiña interese en coñecer os efectos derivados da implantación da Planificación Espacial Mariña levada a cabo ata agora, en especial os de carácter económico. Con este fin encargou o estudo no que participou a Fundación Cetmar, e cuxos resultados, que están xa a disposición dos interesados nun documento resumo na páxina de publicacións oficiais da UE, foron presentados recentemente pola DG MARE.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre