Inicio Galicia Galicia participa na plataforma de promoción da cultura oceánica europea co Centro...

Galicia participa na plataforma de promoción da cultura oceánica europea co Centro Tecnolóxico do Mar como membro fundador

0

O ente dependente da Consellería do Mar aporta a súa experiencia tanto na difusión da ciencia aos sectores marítimos e á comunidade pesqueira como na execución de proxectos neste ámbito

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, está a participar como membro fundador na plataforma EU4Ocean, que desenvolverá a súa actividade vencellada co Foro Youth4Ocean e a Rede de Escolas Azuis Europeas co obxectivo de conectar e mobilizar esforzos neste eido. O Cetmar aporta nela a súa experiencia na difusión das ciencias do mar ao público en xeral e aos sectores marítimos e comunidades pesqueiras. Ao mesmo tempo, contribuirá a ligar a actividade da plataforma con outros proxectos, promovendo a conexión entre organizacións con actividade neste eido.

A plataforma céntrase en promover a cultura oceánica, a comprensión da influencia do océano sobre a vida das persoas e o impacto das persoas no propio océano e parte da premisa de que unha persoa con cultura oceánica comprende a importancia do océano para a humanidade, pode comunicar sobre a mesma e ten a capacidade de tomar decisións informadas e responsables sobre o medio mariño e os seus recursos.

O Cetmar contribuirá a ligar a actividade da plataforma con investigacións como o proxecto Mates, financiado polo programa ERASMUS+ da Unión Europea, que aborda a mellora de capacidades das industrias marítimas. Neste contexto, promove a cultura oceánica dando visibilidade á achega das tecnoloxías mariñas no mantemento dun océano saudable.

O seu labor tamén permitirá a conexión co proxecto Icono, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) a través do Programa Preamar da Fundación Biodiversidade, para dar visibilidade aos esforzos das entidades españolas con actividade de divulgación e educativa neste campo.

Tamén se crearán sinerxías con outras iniciativas, como os proxectos CleanAtlantic e Cockles do programa Interreg Área Atlántica, No primeiro deles o Cetmar está a desenvolver materiais e actividades para concienciar sobre o impacto do lixo mariño e promover boas prácticas para reducilo mentres que no caso do Cockles, búscase dar a coñecer todos os beneficios que aporta unha especie natural tan importante como o berberecho.

Paralelamente, a Fundación Cetmar participará e difundirá as actividades da Plataforma EU4Ocean. As primeiras accións terán lugar entre agosto e setembro, como o concurso #YoungOceanWaves: o que o océano significa para min, promovido pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), que anima aos mozos a amosar a súa conexión co océano con vídeos e fotos orixinais.

Así mesmo, e organizado a iniciativa da Comisión Europea, os días 24 e 25 de setembro terá lugar o obradoiro online Deseño da estratexia de Cultura Oceánica en Europa. As sesións interactivas sentarán as bases para organizar accións colectivas nos eidos do océano e o clima, alimentos do océano e océano san e saudable. A inscrición aínda non está aberta pero pódese atopar máis información e o programa do evento neste enlace. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre