Inicio Galicia Galicia participa na Feira Expomar Cabo Verde para afianzar os seus lazos...

Galicia participa na Feira Expomar Cabo Verde para afianzar os seus lazos comerciais no eido pesqueiro

0

A Consellería do Mar acode a este certame cun expositor de 36 metros cadrados que acolle a unha entidade e catro empresas galegas do sector e inclúe un espazo para manter reunións de negocios


A Consellería do Mar participa na oitava edición da feira náutica e pesqueira Expomar Cabo Verde, que se celebra desde o luns e ata hoxe en Mindelo, na illa de San Vicente, cun posto propio de 36 metros cadrados que acolle a catro empresas galegas e á Fundación Expomar de Burela. A súa presenza ten como obxectivo afianzar os lazos comerciais no eido marítimo-pesqueiro entre Galicia e o país africano así como co resto de empresas asistentes a este evento internacional. A presenza da Xunta neste tipo de certames é unha mostra da aposta do Executivo galego por mellorar a comercialización dos produtos marítimo-pesqueiros co fin de chegar a novos mercados e de fomentar a internacionalización. Con esa finalidade, a Consellería do Mar pon a disposición dos participantes un espazo para manter reunións de negocios no marco da feira e facilitar así a ampliación dos contactos das empresas coexpositoras.

O expositor co que participa a Consellería do Mar en Expomar Cabo Verde ten 36 metros cadrados de superficie con espazo para as empresas e entidades galegas que van da man da Xunta a este certame. Estas firmas son as empresas Noroesmar, Atlas Forwarding, Álvarez Riveira e Crisa Alimentación e a Fundación Expomar de Burela, que contan no posto con diverso material propio de promoción a disposición dos asistentes.

A maiores do apoio da Consellería do Mar coa posta a disposición do stand, as entidades galegas que acoden á feira contan con axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape, no marco do Plan de Fomento das exportacións galegas (Foexga), en colaboración coa Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña. Estas achegas, cofinanciadas con fondos europeos, buscan afianzar a posición das pemes galegas nos mercados exteriores.

Expomar Cabo VerdeA feira Expomar está organizada polo Ministerio de Economía Marítima do país africano no marco da segunda edición da Semana dos Océanos de Cabo Verde e reúne a axentes de diferentes actividades da economía do mar. Conta con expositores nacionais e internacionais pertencentes a sectores como o transporte marítimo, reparación naval, deportes náuticos, embarcacións de recreo, investigación científica e formación, pesca industrial e deportiva, portos e loxística, turismo de cruceiros, transportes marítimos e seguridade marítima e portuaria, entre outros.

O encontro -que o ano pasado contou coa participación de 60 expositores, preto de 80 postos e máis de 4.500 visitantes de países como España, Portugal, Francia, Luxemburgo ou Noruega- inclúe tamén conferencias internacionais, seminarios e obradoiros e encontros de negocios relacionados coa explotación sustentable dos recursos e coa Economía Azul.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre