Inicio Galicia Galicia mantén a lealdade co Goberno central na negociación da PAC, pero...

Galicia mantén a lealdade co Goberno central na negociación da PAC, pero esixe ao Ministerio que sexa ?belixerante? para evitar recortes nos fondos comunitarios

0
image_gallery.jpg

José Balseiros advertiu que a situación actual de crise sanitaria e económica non debería ter servido de pretexto a algúns estados membros para reducir fondos comunitarios para a agricultura e o desenvolvemento rural


Galicia seguirá sendo leal co Goberno central e dándolle o seu apoio nas negociacións sobre a futura Política Agraria Común (PAC), pero ao tempo esixe ao Ministerio que sexa “belixerante” para evitar que os recortes nos fondos comunitarios do período 2021-2027 afecten á nosa comunidade.

Así o advertiu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre o particular. Balseiros lembrou que o propio conselleiro do Medio Rural xa llo trasladou tamén ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, nas últimas reunións da Conferencia Sectorial e do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios.

A Xunta, segundo explicou o director xeral, considera que o obxectivo de manter as partidas da PAC do período actual non está logrado. Ademais, sinalou que a situación actual de crise sanitaria e económica non debería ter servido de pretexto a algúns estados membros para reducir os fondos comunitarios para a agricultura e o desenvolvemento rural -fondos Feaga e Feader-.

José Balseiros indicou que se o recorte previsto, do 10%, se aplicase con carácter lineal aos fondos actuais de Galicia, a nosa comunidade perdería como mínimo máis de 200 millóns na futura PAC. Por iso, engadiu, cómpre facer presión por parte do Goberno central para que nas negociacións se defenda como algo prioritario unha PAC forte e ben dotada de orzamento, algo que implica, cando menos, manter no futuro o presuposto actual para estas políticas.

O director xeral lembrou tamén que “Galicia xa fixo os seus deberes” nesta materia, ao crear un grupo de expertos para avanzar na definición do plan estratéxico da comunidade autónoma para a PAC, co fin de que se teñan en conta as súas peculiaridades no deseño destas políticas.

Nesta liña, José Balseiros anunciou ademais que a vindeira actuación da Xunta neste eido será a de remitir ás organizacións profesionais agrarias a súa postura con respecto á necesidade de manter os importes das axudas directas. Unha vez avaliadas estas achegas polos sindicatos, redactarase o documento definitivo do plan estratéxico de Galicia e será enviado ao Ministerio.

Protocolos para o persoal antiincendiosPola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, explicou -en resposta a unha pregunta sobre o tema- as instrucións e protocolos aprobados pola Xunta para evitar contaxios pola covid-19 nos profesionais antiincendios. Indicou ademais que todos eles -arredor dunha ducia- son públicos e que están dispoñibles para a súa consulta na web da Consellería do Medio Rural.

En relación co recente caso rexistrado no distrito forestal Condado-Paradanta, polo positivo dun bombeiro, Fernández-Couto aclarou que se aplicaron estes protocolos, o que permitiu illar eficazmente o único positivo e que este non contaxiase ao resto de traballadores, segundo destacou. Neste senso, o director xeral felicitou ao persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) en xeral e ao do distrito forestal XVII en particular polo correcto cumprimento dos protocolos.

Impulso á investigaciónPor outra parte, o novo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, deu conta, respondendo a outra pregunta, das medidas aplicadas por parte da Consellería do Medio Rural para consolidar a estrutura dos seus centros de investigación e nomeadamente do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Así, informou dos importantes esforzos feitos para mellorar o funcionamento destas entidades, especialmente no que atinxe ao incremento orzamentario, tanto para bens e servizos como en gastos de capital.

Ademais, o responsable da Agacal trasladou que se está a traballar no reforzo en materia de dotación de persoal, para a consolidación dunha estrutura administrativa en servizos centrais que permita ao persoal investigador centrarse nas súas tarefas. Tamén, a dotación das prazas vacantes do persoal investigador, no que se está a traballar, e a elaboración -en proceso- dunha actuación estratéxica para a coordinación dos proxectos de todos os centros de Galicia, de forma que se maximicen as oportunidades de sinerxías e actuacións conxuntas. Por último, o director sinalou que a Consellería incrementou en máis dun 25% o total do investimento en actividades de I+D, destinando no ano 2019 preto de 5,5 millóns de euros, e que o orzamento previsto para a Agacal no presente 2020 rolda os 17 millóns de euros.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre