Inicio Galicia Galicia lidera un novo proxecto europeo para mellorar os servizos de medición...

Galicia lidera un novo proxecto europeo para mellorar os servizos de medición e predición do estado do mar

0

Radar On RAIA permitirá incorporar radares de alta frecuencia á rede de observación transfronteiriza operativa desde 2008, na que participan varios organismos dependentes da Consellería do Mar


O Observatorio Oceanográfico RAIA mellorará os seu servizos para medir e predicir o estado da mar grazas á posta en marcha dun novo proxecto europeo que permitirá, nos vindeiros tres anos, mellorar a infraestrutura desta rede de observación transfronteiriza coa integración da tecnoloxía de radares de alta frecuencia.

A Consellería do Mar participa activamente neste proxecto a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, que coordina esta iniciativa.

Xunto ao resto dos membros do consorcio Radar On RAIA, as institucións galegas traballarán ata 2021 na mellora das antenas HF Radar do Observatorio e na posta en marcha doutras novas, o que fará posible ampliar a información sobre correntes superficiais e ondadas que ata agora proporcionaban as boias que a rede ten distribuídas na costa galega e portuguesa.

O Observatorio Raia ampliará así o coñecemento sobre a dinámica oceánica dun nivel local a un nivel rexional, mellorando a monitorización de correntes e ondada, e desenvolvendo diferentes ferramentas para medir e predicir o estado da mar e diferentes ámbitos como a seguridade marítima, a pesca e a acuicultura o turismo ou as actividades recreativas.

Para elo, o Intecmar porá a disposición do Observatorio RAIA dúas antenas HF Radar despregadas na costa galega e operativas desde 2011 que agora pasarán a formar parte da rede transfronteiriza xunto a outras dúas de Portos do Estado, socio tamén nesta iniciativa. Completan o consorcio as Universidades de Vigo e Santiago e o IIM-CSIC pola parte española e o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (Inegi), o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores do Porto (Inesc) e o Instituto Hidrográfico (IH) como socios portugueses.

O proxecto conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e está cofinanciado polo programa de cooperación Interreg VA España-Portugal Poctep 2014-2020 e polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder). A súa posta en marcha terá lugar o vindeiro martes, cando se celebrará na sede do Cetmar a reunión de lanzamento de Radar On RAIA coa presencia de todos os socios.

Operativo desde 2008, o Observatorio RAIA é unha infraestrutura de observación e predición océano-meteorolóxica operativa na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que proporciona produtos e servizos a sectores chave vencellados á economía azul, como o sector marítimo-pesqueiro, o turismo ou a sociedade en xeral.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre