Inicio Galicia Galicia lidera o crecemento da ocupación nas casas de turismo rural tras...

Galicia lidera o crecemento da ocupación nas casas de turismo rural tras recibir un 5,5% máis de viaxeiros

0

No que vai de ano, máis de 200.000 turistas se decantaron por esta modalidade de aloxamento, unha cifra récord, e realizaron preto de 400.000 pernoitas


O turismo rural está a experimentar unha evolución positiva en Galicia. En concreto, a Comunidade lidera a nivel nacional o incremento da ocupación, situándose como a quinta autonomía cun mellor resultado. Isto está a incidir na posta en valor dos recursos de diferentes comarcas, así como na ampliación dos circuítos turísticos, propiciando a descentralización dos fluxos de visitantes.

No que vai de ano, esta tipoloxía de aloxamento recibiu un 5,5% máis de turistas que en 2018. Isto sitúa a cifra global, con datos pechados dos dez primeiros meses, en máis de 200.000 turistas, un rexistro que supón un máximo histórico para o sector en Galicia neste período, como constatan os últimos datos difundidos polo Instituto Nacional de Estatística.

En termos de demanda, os establecementos de turismo rural medran un 3,3%, por riba da media das comunidades autónomas, e sitúanse en preto de 400.000 pernoitas, incidindo no desenvolvemento económico de concellos e xeodestinos das catro provincias.

Co fin de afondar nestes datos e seguir mellorando, a Xunta de Galicia traballa nunha Estratexia de Turismo Rural, centrada no fortalecemento da calidade, a profesionalización e a integración dos distintos recursos que compoñen a oferta deste mercado, de tal xeito que poidan estar interrelacionados e ser máis accesibles e atractivos para os viaxeiros.

Un centenar de acciónsEste documento, debatido xa no Parlamento autonómico, prevé a posta en marcha dun centenar de accións que potencien os valores diferenciais do turismo rural a través do apoio aos axentes relacionados coa comercialización. Tamén a creación dun catálogo de produtos ou a reestruturación da oferta cun nova categorización dos establecementos por estrelas.

Así mesmo, a Consellería de Cultura e Turismo vén de abrir unha nova liña de apoio aos concellos de rural, co fin de que sigan mellorando as súas infraestruturas turísticas. Dotada con 1,2 millóns de euros, dá continuidade aos investimentos realizados nos últimos anos. Só en 2019, o Goberno galego cofinanciou actuacións de máis de 120 concellos.

A gastronomía é, ademais, un valor engadido no turismo rural. Por iso, a Xunta presentou esta semana a nova estratexia de turismo enogastronómico Galicia Sabe, coas primeiras medidas en marcha. Entre elas, un mapa que identifica máis de 2.000 recursos e que aspira a ser unha ferramenta de planificación para o sector, ou o deseño de rutas gastronómicas. Isto enlaza con experiencias consolidadas como a 13ª edición do Outono gastronómico en turismo rural, na que participan preto de 90 establecementos ata este mes de decembro.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre