Inicio Galicia Galicia lidera en España a caída do paro e o incremento das...

Galicia lidera en España a caída do paro e o incremento das afiliacións

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, valorou hoxe os datos do paro nunha visita que realizou á oficina de emprego de Boiro, que luce unha nova imaxe grazas ao plan de modernización que está levando a cabo a Xunta no Servizo Público de Emprego

Galicia lidera en España a caída do paro na evolución anual e o incremento das afiliacións á Seguridade Social na evolución mensual en España. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, valorou hoxe en Boiro os datos do paro rexistrado nunha visita que realizou á oficina de emprego, que luce unha nova imaxe, tras a renovación que está levar a cabo a Xunta para modernizar o Servizo Público de Emprego de Galicia.

Conde destacou que o paro continúa baixando en Galicia e as afiliacións crecendo na evolución anual e mensual. A Comunidade galega pechou o mes de xullo con 150.921 parados, a mellor cifra desde xullo de 2008, estando moi próxima á reflectida ao inicio da crise económica.

Na evolución anual, o desemprego cae nun -7,64% (-12.491 persoas), baixando xa seis anos de xeito consecutivo, o que sitúa ao paro en Galicia en niveis inferiores aos de hai máis dunha década. Con respecto á comparativa con España, Galicia é primeira comunidade na que máis baixa o paro en termos relativos e a cuarta en termos absolutos, superando en case catro puntos o descenso medio rexistrado no Estado.

O titular de Economía apuntou, ademais, que a creación de emprego continúa en crecemento. Galicia segue superando o millón de afiliados á Seguridade Social (1.037.482) cun aumento no último ano do 1,56% (+15.937). O dato indica que xa son máis de cinco anos de subidas consecutivas, desde abril de 2014, na que a Comunidade rexistra unha evolución positiva nas cotizacións. A contratación xeral, ademais, aumentou nun 2,13%.

O desemprego continúa baixando nos colectivos prioritarios para a Xunta, acadando entre os menores de 30 anos e as mulleres a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica de datos, desde maio de 2005. En canto aos menores de 30 anos, o desemprego baixa nun -10,45% (-2.058); nos parados de longa duración descende nun -14,12% (-11.413); e nas mulleres nun -7,03% (-6.703 persoas).

O paro tamén baixa nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade liderando o descenso a construción (-15,55%), seguida da agricultura e pesca (-8,24%), da industria (-6,53%), e dos servizos (-6,37%). Con respecto ás cifras provinciais, lidera a caída do paro Lugo (-9,56%), seguida de Ourense (-8,75%), da Coruña (-8,26%) e de Pontevedra (-6,18%).

Na evolución mensualA Comunidade galega é a segunda na que máis baixa o paro en termos absolutos, superando en 2,65 puntos á media de caída en España. Galicia reduciu o desemprego con respecto a xuño nun -2,79% (-4.328). Lidera, ademais, o incremento das afiliacións en termos absolutos cun aumento do 1,20% fronte á subida do 0,08% rexistrada en España cun diferencial positivo a favor de Galicia de 1,12 puntos.

A contratación tamén aumenta, nun 22,59%, superando en 14,1 puntos o incremento medio de España (+8,49%). Crecen os contratos indefinidos nun 6,79% e a tempo completo nun 23,90%, duplicando o incremento reflectido na contratación a tempo parcial.

Modernización do Servizo de EmpregoA boa evolución do paro en Galicia supón, en palabras de Conde, que a Axenda 20 para o Emprego está a dar os seus resultados. A folla de ruta do Goberno galego en materia laboral está, polo tanto, impulsando o emprego de calidade. Para iso, están en marcha diferentes ferramentas para incrementar as oportunidades laborais dos galegos.

Conde afirmou que os bos resultados de Galicia contrastan coa deceleración da economía en España. “En España diminúe o paro á metade do que baixa en Galicia, o que pon de manifesto a incerteza do Goberno de España”, apuntou. Sinalou, ademais, a importancia de seguir traballando no impulso da calidade do emprego e na súa estabilidade, recordando que tres de cada catro asalariados en Galicia son indefinidos.

Para a mellora da inserción laboral dos demandantes de emprego é preciso, segundo o conselleiro, ademais de poñer en marcha programas de formación e incentivos á contratación, contar cun Servizo Público de Emprego accesible ao cidadán.

Así, explicou que a Xunta está executando na actualidade un ambicioso plan para modernizar este servizo, que conta cun investimento de 7,7 millóns de euros ata 2020, para convertelo nun espazo de encontro, onde adquirir competencias que faciliten a inserción laboral. “É un novo modelo de orientación laboral, centrado nas persoas e nos servizos ás empresas e demandantes de emprego, que aposta pola dixitalización para ofrecer uns servizo de calidade”, indicou.

O titular de Economía explicou, neste senso, que é importante reforzalo porque o 60% das persoas atendidas polo Servizo Público de Emprego, a través dos servizos de orientación e cursos de formación, abandonaron a lista do paro nos seis meses seguintes.

O plan de modernización inclúe a renovación da imaxe das oficinas de emprego de Galicia e dos centros de formación para o emprego co obxectivo de dar unha resposta axeitada ás demandas actuais das empresas e demandantes de emprego e mellorar as condicións do persoal das oficinas.

Nova imaxe en BoiroA oficina de Boiro é a primeira que luce unha nova imaxe. Conde explicou que este novo modelo cunha imaxe corporativa renovada e con espazos máis abertos para facer accesible o servizo público aos cidadáns estase implantando progresivamente no resto das oficinas que contarán cun sistema de xestión de calidade e de mellora continua para proporcionar aos usuarios servizos acordos á nova era dixital.

Galicia precisa dunha Administración máis dixital para unha sociedade máis dixital e para contar cunha Galicia máis preparada. Por iso, Conde indicou que xa está en marcha un novo portal de emprego no que se difunden en tempo real as ofertas en activo. E tamén está operativo o buscador de formación no que os interesados en facer un curso poden elixir a materia e o centro onde se imparte en calquera concello galego. “A oficina virtual de emprego é unha realidade e estamos traballando para incrementar os seus servizos”, avanzou Conde.

O conselleiro, así mesmo, puxo en valor os servizos que ofrecen as oficinas de emprego que, ademais de difundir as ofertas de traballo, contan con servizos personalizados de orientación e formación e técnicas de busca de emprego para incrementar as oportunidades laborais. En Galicia prestáronse máis de 310.000 servizos durante o ano pasado: máis de 206.000 de información profesional para o emprego e o autoemprego; leváronse a cabo 78.000 itinerarios personalizados; e 14.846 demandantes realizaron accións formativas para desempregados.

No caso de Boiro, no que traballan 11 persoas, ofertáronse no que vai de ano 500 ofertas de traballo e prestáronse máis de 12.800 servizos de orientación e formación, permitindo mellorar a situación laboral dos seus usuarios. De feito, o paro baixou en Boiro no último ano nun 11,36% e na comarca de Barbanza nun 9,43% superando a media de caída acadada en Galicia.

Conde, para rematar, apuntou que o crecemento económico actual a quen debe favorecer máis é aos cidadáns e, por iso, a Xunta está traballando para humanizar a economía ofrecendo unha formación máis adaptada ás necesidades reais do mercado laboral e está impulsando a innovación para crear empregos vinculados á política industrial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre