Inicio Galicia Galicia lembra que o servizo de Gardacostas ten un custo anual de...

Galicia lembra que o servizo de Gardacostas ten un custo anual de 22 millóns de euros

0

O subdirector xeral do ente dependente da Consellería do Mar explica que a comunidade é a única que aporta medios propios ao Goberno do Estado para atender emerxencias no mar, polo que entende que este se debería implicar na contribución ao mantemento do servizo


O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, salientou hoxe no Parlamento o importante labor que realiza o ente dependente da Consellería do Mar, que se concretou en 2018 en máis de 110 actuacións de salvamento tanto cos seus medios marítimos como aéreos e supuxo un incremento do 31% respecto a 2017. Neste sentido, o representante do Executivo galego subliñou que o custo anual do servizo rolda os 22 millóns de euros e que se sufragan integramente con fondos da comunidade autónoma a pesares de que o Servizo de Gardacostas pon todos os seus medios a disposición do Ministerio de Fomento de acordo cun convenio asinado en setembro de 2006 para facer fronte ás emerxencias no mar.

Lino Sexto lembrou que este servizo de salvamento, loita contra a contaminación e seguridade no eido pesqueiro é unha aposta blindada da Xunta, á que non renunciou nin nos anos de crise, pero incidiu en que o Executivo galego non recibe ningunha aportación por parte do Estado polas asistencias demandadas, sendo mínimas as susceptibles de ser aboadas polos seguros en función da súa tipoloxía. Ademais, trátase dun caso único en España pois Galicia é a única comunidade que aporta medios propios para facer fronte a emerxencias no mar.

Por iso, o subdirector xeral de Gardacostas trasladou a intención da Xunta de reformular o actual convenio de colaboración co Ministerio de Fomento do ano 2006 tal e como lle trasladou xa o pasado 12 de xullo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, co obxectivo de mellorar esa colaboración e que o Executivo central realice todas as aportacións que poida co obxectivo de que este servizo acade o nivel de excelencia.

Lino Sexto defendeu unha a colaboración máis equitativa posto que os medios aéreos e marítimos de Galicia traballan no salvamento e loita contra a contaminación desde 1990, antes da creación de Sasemar. Nesta liña, indicou que o ideal sería que o Estado aportase fondos para o mantemento do servizo galego posto que complemente, cando non suple, o que presta Salvamento Marítimo.

Esta petición busca acadar a excelencia neste eido e complementa a aposta realizada pola Consellería do Mar nos orzamentos de 2020, nos que inclúe unha partida de máis de seis millóns de euros para dar continuidade ao proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas, o que supón un incremento de máis do 50% en relación con este ano.

Seguridade dos buques pesqueirosMentres, en materia de seguridade e condicións de vida a bordo dos buques pesqueiros, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou que o Executivo galego pon todos os anos a disposición dos propietarios de buques pesqueiros axudas co obxectivo de realizar investimentos que fomenten a pesca sustentable e entre os que se inclúen os destinados a mellorar a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo a bordo.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez destacou que nos últimos catro anos a Consellería do Mar aprobou 61 achegas por máis 700.000 euros con este obxectivo e indicou que o Executivo galego está a traballar para simplificar a tramitación destas axudas e que sexan máis accesibles para o sector pesqueiro.

A directora xeral de Pesca tamén analizou as actuacións realizadas nos últimos anos polo Executivo galego sobre a xestión da pesqueira de sardiña e salientou que a Xunta traballou en todo momento para establecer as medidas necesarias que permitan recuperar o stock e manter a actividade pesqueira da frota de cerco e do xeito, unha defensa que, dixo, seguirá a manter de cara aos próximos exercicios. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre