Inicio Galicia Galicia impulsa a modernización dos medios marítimos do Servizo de Gardacostas con...

Galicia impulsa a modernización dos medios marítimos do Servizo de Gardacostas con 6 millóns de euros no orzamento deste ano

0

A Consellería do Mar aumenta máis dun 50% o orzamento de 2020 para a renovación parcial da frota deste servizo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Ribeira a importancia do Servizo de Gardacostas de Galicia e a firme aposta da Xunta para blindar este servizo e melloralo. Neste sentido, a titular de Mar expuxo que nos orzamentos deste ano soben en máis dun 50% os fondos destinados á compra e modernización de embarcacións deste servizo ata superar os seis millóns de euros.

Así o explicou durante a visita á patrulleira Punta Falcoeiro, unha das cinco embarcacións previstas no proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia. Esta patrulleira, que ten base en Ribeira, conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de 5 metros e un calado de 0,85 metros. Ademais entre as súas prestacións está acadar os 36 nós de velocidade máxima.

Con ela, lembrou a conselleira do Mar, son tres as patrulleiras lixeiras que xa foron entregadas ao Servizo de Gardacostas, pois súmase á Punta Promontoiro, con base en Celeiro, e á Punta da Guía, con base en Vigo. Ademais, durante a visita na que estivo acompañada polo subdirector xeral do servizo, Lino Sexto, Rosa Quintana lembrou que hai unha cuarta embarcación deste tipo que está en construción e que terá a súa base na Coruña.

Estas catro patrulleiras lixeiras, subliñou, supuxeron un investimento de máis de 3,5 millóns de euros e son aptas para realizar tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña. A estas embarcacións, engadiu a titular de mar, súmase unha patrulleira de altura que está en construción e que substituirá á Paio Gómez Chariño.

Con este plan de renovación parcial da frota de Gardacostas, salientou Rosa Quintana, o Executivo galego busca mellorar a loita contra o furtivismo, optimizar as operacións de rescate e salvamento e avanzar na loita contra a contaminación mariña.

A conselleira do Mar tamén lembrou que esta renovación da frota de Gardacostas se complementa coa mellora dos medios terrestres e a ampliación do cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo. Ademais compleméntase con accións de sensibilización social, como por exemplo a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, desenvolvida nos veráns de 2018 e 2019 para concienciar a bañistas e turistas sobre a importancia do marisqueo e do dano que se lle fai se se extrae marisco de xeito ilegal das praias.

Comisos e incautacións Todas estas accións, incidiu a conselleira, están destinadas a impulsar o labor nos distintos eidos que abarca o Servizo de Gardacostas, un deles, destacou, o da loita contra o furtivismo. Neste ámbito, a falta de pechar os datos, o balance provisional do ano 2019 en Galicia reflicte que o ano pasado os gardacostas requisaron arredor de 27.000 útiles e máis de 45.500 quilos de distintas especies de peixe e marisco. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre