Inicio Galicia Galicia impulsa a creación dos cinco primeiros centros de fabricación avanzada que...

Galicia impulsa a creación dos cinco primeiros centros de fabricación avanzada que permitirán ás pemes modernizar a súa produción

0

Estarán situados na Cidade das TIC na Coruña, na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), no parque empresarial da Sionlla -en Santiago-, e nos concellos de Narón e Vilagarcía de Arousa


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a creación dos cinco primeiros centros de fabricación avanzada que, cun orzamento de 15,6 millóns de euros, permitirán ás pemes modernizar a súa produción.

Estes 5 centros estarán situados: na Cidade das TIC na Coruña, na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan), no parque empresarial da Sionlla -en Santiago-, e nos concellos de Narón e Vilagarcía de Arousa.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que o Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, na Coruña, “ofrecerá ás empresas galegas un único punto de contacto no que demostrar, facer prototipos e lanzar proxectos do sector”. O obxectivo é servir de enlace entre clientes e provedores de solucións das tecnoloxías da información e a comunicación. Este centro contará con 4 laboratorios para a realización de probas e con espazos para aloxar empresas do sector.

Cómpre salientar que o Concello e a Universidade da Coruña colaborarán cedendo o uso dunha nave e habilitando os accesos e a Xunta achegará 4,82 millóns de euros para o proxecto.

A segunda iniciativa estará promovida pola Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e porase en marcha no municipio de Salvaterra de Miño, na Plisan. “Se trata de crear un centro de innovación loxística, aberto para realizar labores de formación, de demostración e experimentación sobre operacións reais”, explicou, aseverando que o obxectivo último será o de optimizar a loxística do sector galego da automoción e doutros sectores, como o alimentario e o téxtil.

A Zona Franca de Vigo achegará o terreo e a construción da nave, mentres que o Goberno galego investirá máis de 4,3 millóns de euros no equipamento.

No tocante ao terceiro centro: Sionlla Biotech, Feijóo avanzou que estará situado no parque empresarial do mesmo nome, en Santiago. Proverá a empresas biotecnolóxicas e institucións de servizos como o uso de 22 laboratorios modulares para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A achega da Xunta para a creación desta infraestrutura superará os 4 millóns de euros, mentres que o Concello de Santiago de Compostela cederá o terreo para a construción.

Por outra banda, o Grupo Intaf será o promotor do Centro galego de tratamentos térmicos do aceiro, que se porá en marcha no municipio de Narón, co fin de prestar servizos para o procesamento deste material grazas a tecnoloxías que neste momento non están dispoñibles nin en Galicia nin en España, permitindo tratar pezas de dimensións superiores ás que se poden manexar nas instalacións operativas na actualidade. A Xunta achega dous millóns de euros para a creación deste espazo industrial.

Por último, e promovido polo Clúster TIC Galicia, o Centro de Servizos Avanzados Galicia TurisTIC porase en marcha en Vilagarcía de Arousa. Crearase un espazo de innovación e tecnoloxía que incluirá, entre outros, un laboratorio de intelixencia artificial, unha área de demostracións e unha área de formación.

Feijóo destacou que tres das infraestruturas que se van crear -o Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC, o Centro Loxístico de Automoción e o Sionlla Biotech- integraranse nos dous Hubs de innovación dixital.

Cheque Autónomo para os gastos diarios e os custos de envío de produtosO presidente da Xunta destacou tamén a posta en marcha do Cheque Autónomo Seguimos Adiante que, enmarcado no Plan de reactivación económica de Galicia e consensuado co sector, terá como obxectivo consolidar o emprego neste colectivo e apoialo para facer fronte aos gastos do día a día.

Cun orzamento de 16 millóns de euros, esta medida prevé chegar a un total de 35.000 autónomos, financiando o 100% -ata un límite de 1.800 euros- do custo de determinados gastos correntes que tiveron durante a covid e tamén durante os próximos meses.

O autónomo beneficiario deberá estar en activo e adquirir o compromiso de manter a actividade e o emprego durante 3 meses.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre