Inicio Galicia Galicia expón o seu sistema de avaliación da Estratexia de especialización intelixente...

Galicia expón o seu sistema de avaliación da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) a outras comunidades autónomas

0

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou neste encontro destinado a dar a coñecer exemplos prácticos de avaliación das RIS3


A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, expuxo esta mañá en Madrid o proceso de avaliación da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ante representantes doutras Comunidades Autonómas no marco dunha xornada organizada pola Red I+D+i, coordinada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) e dependente dos ministerios de Facenda e de Ciencia, Innovación e Universidades. Na xornada, centrada na avaliación das RIS3 e nas futuras RIS3 para o período 2021-2027, participaron representantes da subdirección de Programación e Avaliación da Dirección General de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda; da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea; da Plataforma de Especialización Intelixente (Joint Research Center) da Comisión Europea en Sevilla; e da Agencia de Desarrollo e Innovación de Andalucía.

Metodoloxía participativaA directora de Gain presentou, no marco dunha mesa sobre exemplos prácticos de avaliación das RIS3 na que tamén se expuxo o caso andaluz, o proceso de avaliación da RIS3 galega. Argerey destacou a metodoloxía participativa que está a empregar Galicia no proceso de avaliación da súa Estratexia; proceso que se empregou tamén na elaboración da propia RIS3, ao longo de 2013.

A avaliación intermedia estase a realizar a través de diferentes vías: o balance de execución, a recollida de información a través de cuestionarios que se remitiron a preto de 900 beneficiarios das axudas, stakeholders e axentes do sistema galego de I+D+i; a celebración de talleres por retos (que darán comezo o próximo 28 de maio); a organización de grupos de discusión, paneis de expertos e consellos asesores; ademais da consulta á sociedade en xeral, que supón unha oportunidade para achegar a innovación ás persoas.

Argerey apuntou que o obxectivo deste proceso de avaliación é identificar variacións na execución da RIS3 que permitan introducir medidas correctoras se fose preciso, como o desenvolvemento de novos instrumentos, a mellora dos actuais ou o reaxuste das prioridades. Tamén servirá para sentar as bases para comezar o proceso de definición da futura RIS3 para o periodo 2021-2027.

Galicia xa fora destacada como un exemplo de boas prácticas na monitorización da súa RIS3 no manual da Comisión Europea para a implementación das Estratexias de Especialización Intelixente. A Comisión Europea recalcaba o sistema de seguimento continuo dos resultados da RIS3 a través dun panel de indicadores e o contraste deste cos valores obxectivos obtidos nas avaliacións intermedias e finais a través de información cualitativa e cuantitativa procedente de cuestionarios e grupos de discusión.

As Estratexias de Especialización Intelixente son a folla de ruta das rexións europeas para avanzar na súa competitividade, crecemento económico e emprego a través da innovación e un requisito imprescindible para acceder aos fondos de cohesión da Unión Europea no período 2014-2020. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre