Inicio Galicia Galicia estuda a explotación de macroalgas de interese comercial para impulsar a...

Galicia estuda a explotación de macroalgas de interese comercial para impulsar a xestión sustentable e o cultivo do recurso

0
image_gallery.jpg

O Centro de Investigacións Mariñas iniciou unha investigación destinada a este fin para as anualidades 2020, 2021 e 2022 e a ela o Executivo galego destina un total de máis de 174.000 euros


O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, iniciou recentemente un estudo sobre a explotación de macroalgas de interese comercial en Galicia co obxectivo de impulsar unha xestión sustentable que permita manter o estado de conservación destes recursos e avanzar no seu cultivo. O desenvolvemento desta acción abarca as anualidades 2020, 2021 e 2022 e a ela o Executivo galego destina un total de máis de 174.000 euros.

A acción Bases biolóxicas para a explotación sostible de poboacións de macroalgas mariñas de interese comercial en Galicia – ALGA busca coñecer polo miúdo a realidade da explotación destes organismos en Galicia e a súa evolución para propoñer un modelo de xestión axeitado á realidade destes recursos.

Para iso, na avaliación da explotación destes recursos prevese empregar novas tecnoloxías como drons aéreos e submariños que poderán ser complementados con análises de imaxes de satélite para obter información sobre a situación dos bancos de macroalgas sen necesidade de desprazarse ás localidades de seguimento. O estudo tamén ten entre os seus fins a recompilación de información dos plans de explotación das confrarías de pescadores e as empresas que se dedican a explotación de macroalgas. Uns plans que se encadran na Directiva marco sobre estratexia mariña e que deben incluír obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais a tres anos, niveis de referencia e indicadores para o seu seguimento coa finalidade de que permitan avaliar a consecución deses obxectivos de forma sinxela. Deste xeito, a acción pretende caracterizar a bioloxía destas especies e os requirimentos para o seu cultivo e contribuirá a mellorar a súa xestión.

Con estas finalidades, durante a investigación realizaranse estudos en laboratorio e experiencias de cultivo. Os investigadores tamén procesarán a información dos plans de explotación das entidades que cultivan macroalgas e estudarán as características biolóxicas e ecolóxicas das macroalgas obxecto de estudo. A información obtida empregarase para elaborar unha guía de boas prácticas para a explotación das macroalgas.

Todo este labor permitirá mellorar os históricos de datos de recollida de algas en Galicia que hai desde os anos 90 e un coñecemento máis amplo da evolución da explotación das macroalgas e as tendencias neste eido. Con este traballo tamén se busca coñecer as condicións óptimas de cultivo e as metodoloxías máis axeitadas para a obtención e engorde destes recursos no mar. Os obxectivos destes traballos son analizar aqueles aspectos da explotación nos que se debe mellorar para facela máis sustentable e rendible e indagar en novas liñas de cultivo de especies polo de agora non exploradas e que teñen demanda na sociedade para o consumo como alimento.

Pacto verdeEsta investigación baséase no que establece o Pacto Verde Europeo proposto pola Comisión Europea en decembro de 2019 e que inclúe unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación.

Neste marco a Unión Europea pretende presentar unha estratexia sobre a biodiversidade para protexela e neste obxectivo as algas, como parte do ecosistema, desempeñan un papel esencial e o seu bo estado biolóxico e ecolóxico implicará unha mellora do estado ambiental do medio mariño. Ademais, dentro dos obxectivos do Pacto Verde, a Unión Europea considera as algas como unha fonte de proteína que deben ser aproveitadas en toda a súa potencialidade, dentro de criterios de sustentabilidade. De aí que a acción de investigación de macroalgas do CIMA busque tamén adaptar a explotación ás novas directivas ambientais (Directiva marco da auga e Directiva marco sobre a estratexia mariña) así como aos obxectivos do Pacto Verde.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre